DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doutor de Medicina Interna do CHOP e investigador de BIOCAPS

Luis Anibarro: “Na tuberculose todo vai moi lento e o paciente pode tardar meses en ir ao médico”

O 24 de marzo celébrase o Día Mundial desta doenza, que afecta a 27 de cada 100.000 galegos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 22/03/2013

Durante gran parte do século XX, a tuberculose foi un importante problema de saúde en Galicia. Considerado de emerxencia global pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1993, a comunidade galega puxo en marcha o Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose que foi derivando nunha caída drástica dos casos que ían aparecendo: dos 73 casos por cada 100.000 habitantes de 1996 aos 27 do ano 2011. Unha redución do 60,7% que permitiu pasar dos máis de 2000 novos enfermos ao ano a 784. Sen embargo, esa baixada na incidencia da enfermidade pode facer que “se baixe a garda” e se destinen menos recursos a unha enfermidade que en Galicia conta con pacientes cunha idade media cada vez máis alta e que se localiza cada vez máis fóra do pulmón. “A experiencia de países como Estados Unidos demostra que correriamos un serie risco de rebrote da enfermidade e en formas máis graves. E iso conlevaría finalmente un gasto enormemente superior”, explica Luis Anibarro, doutor da Unidade de Tuberculose do CHOP e investigador de BIOCAPS, un proxecto no que participan investigadores da Universidade de Vigo, que ten na detección precoz unha das súas liñas de traballo e co que xa conseguiron desenvolver unha técnica alternativa á proba coñecida como Mantoux. O domingo 24 de marzo celébrase o Día Internacional da Tuberculose.

Galicia segue sendo a quinta comunidade autónoma en número de enfermos e a primeira en taxa de incidencia. En que se está a traballar para intentar diminuír os casos?
As bases dun bo control da enfermidade céntranse en dous piares básicos: por un lado, o diagnóstico precoz do paciente, co que se consegue que a enfermidade se transmita a terceiros durante menos tempo e cunha capacidade de contaxio menor; por outro, que o tratamento sexa eficaz. Hai que ter en conta que o tratamento é moi longo, non dura nunca menos de seis meses, polo que é moi importante persuadir ao paciente de que tome a medicación prescrita durante todo ese tempo porque se non o fai o máis probable é que continúe contaxiando a outras persoas. Normalmente ás poucas semanas o enfermo atópase mellor e elimina a súa capacidade de contaxio, pero se abandona a medicación o máis probable é que recaia.

Existen outras medidas de control?
Unha das máis importantes é o de diagnose e tratamento do paciente que está infectado pero no que a bacteria tuberculosa aínda non se desenvolveu o suficiente como para producir a doenza. Medicarlo nesta fase de infección latente logra a desaparición da bacteria antes de que progrese a afección. Ademais, o plan de prevención en Galicia establece a tuberculose como doenza de declaración obrigatoria, algo que non sempre ocorre e para o que hai que facer unha busca activa de casos non declarados ou sen diagnosticar.

Hai novas técnicas de diagnóstico, como a alternativa ao tradicional Mantoux desenvolvida dentro do proxecto BIOCAPS. Cales son as vantaxes?
As técnicas son distintas dependendo de se o que queremos diagnosticar é a un infectado ou a un enfermo. A infección latente búscase dende fai máis de 100 anos coa proba de tuberculina (PT) ou Mantoux, pero nos últimos anos estanse a incorporar técnicas baseadas en análises de sangue, as Probas de Liberación de Interferon-gamma, que presentan vantaxes operacionais (require unha única visita ao hospital e proporciona maior privacidade) pero que, sobre todo, son máis específicas e máis sensibles en grupos de persoas con risco de infección e enfermidade, como pacientes con VIH, tratamentos inmunodepresores… O problema é que son máis custosas, aínda que en Galicia aínda está por definir a comparación de custe-efectividade entre ambas probas.

En canto á enfermidade, nos últimos anos estanse incorporando probas que reducen moito un tempo de diagnose que ata fai relativamente poucos anos podían ser de máis de dous meses e que incluso poden informar en horas da posible resistencia que poida mostrar o bacilo tuberculoso aos tratamentos habituais.

Un dos problemas é o que tarda o paciente en ir ao médico…
Ao revés doutras enfermidades infecciosas, na tuberculose todo vai moi lento e facilmente poden pasar meses antes de que o paciente solicite atención médica, xa que os síntomas aparecen de forma progresiva e moitas veces inespecífica. Aínda coas novas técnicas en moitas ocasións o diagnóstico microbiolóxico pode tardar varias semanas en aparecer e a sintomatoloxía depende da localización da bacteria. Incluso na de pulmón, a máis frecuente, os síntomas son variables e a tos só ofrece unha guía. Por iso recomenda que se un paciente ten tos persistente durante máis de dúas ou tres semanas faga unha RX Tórax que dea un indicio sobre o que traballar.

É complicada a recuperación?
A tuberculose provoca cada ano cerca de 1,4 millóns de mortes, segundo a OMS, a inmensa maioría en países con escasos recursos económicos para o control tanto da enfermidade como do tratamento. Sen embargo, en Galicia dáse unha curación total ou con escasas secuelas tempo na inmensa maioría dos pacientes.