DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ex-reitor da Universidade de Vigo recibirá este martes a Medalla Castelao 2011

Luis Espada: “Mentres o meu corpo e a miña mente poidan, estarei sempre ao pé do canón”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/06/2011
Foi o primeiro reitor da Universidade de Vigo, o encargado de pór en marcha un proxecto que agora é unha realidade. O catedrático Luis Espada recibirá este martes a Medalla Castelao 2011 coa que a Administración autonómica distingue aos galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana.

Convertido en profesor emérito desta casa, á que chegou en 1976 como parte dun pequeno equipo de docentes que se encargaría de pór en marcha a Escola de Enxeñería Industrial e a piques de rematar a súa etapa como presidente do Tribunal de Garantías, Luis Espada reflexiona no Duvi sobre a chegada deste novo recoñecemento –xa no 1995 fora recoñecido coa Medalla da Cidade de Vigo- e o seu recén estreado papel como delegado no Campus do Mar.

O vindeiro martes recollerá en Compostela a Medalla Castelao. Como cree que vivirá este momento?
Con moito orgullo e satisfacción. É un galardón que levaron xa outros personaxes ilustres que dedicaron a súa vida a traballar por e para Galicia, polo que pertencer a ese grupo é toda unha honra, pero tamén unha enorme responsabilidade.

Como foi o intre no que lle deron a nova?
Nisto das medallas o último en decatarse sempre é un mesmo. Aínda que sigo sen coñecer en detalle como foi o proceso, son consciente de que este tipo de cuestións sempre veñen precedidas dun prólogo que imaxino que neste caso iniciou o equipo de goberno da propia Universidade. Ademais, tampouco podo deixar de mencionar que son cousas que, en parte, veñen derivadas da propia idade.

Fala da idade pero, lonxe de pensar na xubilación, emprende unha nova e ambiciosa tarefa: a proxección social do Campus do Mar.
A vida humana é unha sucesión de ciclos. Pechamos uns e abrimos outros e cada un deles hai que comezalos cheos de ilusión, e así chego eu ao Campus do Mar, disposto a deixar o mellor de min no proxecto, aínda que sendo moi consciente de que o éxito depende sempre de dous parámetros: a propia iniciativa dunha persoa e a axuda inexorable dos demais.
En canto ao tema da xubilación, penso que mentres o meu corpo e a miña mente poidan, estarei sempre ao pe do canón. Na época na que eu nacín, en plena posguerra, meus pais tiveron que facer enormes sacrificios para que eu puidese estudar e sempre me dixeron que intentase ser o mellor naquilo que fixera, pero, o máis importante, que o fixese sen pisar a ninguén. Esa sempre foi a miña filosofía, a que tentei transmitir tamén a todos o meu alumnado.

Foi toda unha vida dedicada á docencia.
Toda toda non. Tras presentar a miña tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela, marchei como investigador a Manchester e alí estiven arredor de catro anos. Logo tentoume a empresa privada e volvín a España, concretamente a Cataluña, onde traballei varios anos na industria química. Iso si, unha vez que empecei na docencia, aquí en Vigo en 1976, tiven a sorte de que en máis de trinta anos nunca volvín deixar o xiz, nin sequera na miña época de reitor.

Como foron eses inicios?
Ilustrareino cunha anécdota. Cando cheguei, o primeiro que preguntei era onde estaba a escola, pero, pese a estar no mes de setembro, este proxecto aínda estaba no aire, así que en outubro comezamos o curso nuns pavillóns que nos puxeron na rúa A Paz. Tiña cento nove alumnos que o primeiro día nin sequera tiveron onde sentarse.

Anos máis tarde chegou a segregación e a posta en marcha da actual Universidade de Vigo.
Lembro perfectamente eses primeiros anos, nun pequeno apartamento na rúa Policarpo Sanz. Foron anos moi duros nos que se empezou a planificar todo. Recordo perfectamente o 15 de setembro de 1989, cando tivo lugar a primeira reunión do equipo reitoral, un equipo no que estaba acompañado polos profesores Federico Vilas, Juan Leicega, Jesús de Juana e Jorge González Gurriarán. Estabamos sentados arredor dunha pequena mesa e o primeiro que se escoitou foi: xa temos Universidade, e agora que?
Pois logo veu moito, moito traballo, de aquel equipo reitoral e de todos os que me seguiron, ata conseguir a Universidade que temos hoxe.

E cal considera que é o principal reto ao que se enfronta agora a institución?
O mesmo que tiñamos naquel momento: ter un bo cadro de profesores. Se os profesores son bos, tes unha boa Universidade; se non o son, a Universidade tampouco o será.
Os tres piares básicos da Universidade son: ter un bo cadro de profesores, bo alumnado e un plan de estudos axeitado. Logo, penso que tamén é básico ter un contacto directo co alumno, algo que eu sempre cumprín ao milímetro.

Neste senso, recibiría de bo grado a chegada do Plan Boloña.
Eu sempre seguín esa filosofía. Obrigaba ao alumnado a ler libros, para logo sintetizalos e expolos porque, ao fin e ao cabo, isto era o que ían facer na vida.

Nese contacto directo coas diferentes xeracións que pasaron polas súas aulas. Sorprendeulle a chegada do 15M?
Como non comprender a alguén que fixo unha carreira, con todo o esforzo que iso supón, e que logo é incapaz de atopar un traballo. É algo terrorífico. Eu penso que hai cousas que non se poden cambiar, pero si mellorar, como é a propia estrutura do Estado. Hai cousas discutibles, caso por exemplo da existencia das deputacións provinciais, por citar algo en concreto, pero o que non podemos cambiar é o esqueleto, se non, que nos queda?
Eles están dando ideas, algunhas máis utópicas, outras menos. Logo virá unha etapa na que haberá que sintetizar todo, e de aí xurdirán cousas que nos farán reflexionar a todos, políticos e non políticos.