DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na entrega das Medallas Castelao 2011

Luis Espada reivindica a figura de Castelao para transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos

O acto tivo lugar no Panteón de Galegos Ilustres e estivo presidido polo presidente da Xunta

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 28/06/2011
“Oxalá poidamos transformar os nosos desexos en realidades e as nosas ideas en feitos e, si nos invade o pesimismo, pensemos como Castelao, que o pesimismo pode ser liberador cando esperte coraxe e ambición por unha vida máis limpa”. Con estas verbas recibiu Luis Espada, primeiro reitor da Universidade de Vigo, a Medalla Castelao 2011. Foi no Panteón de Galegos Ilustres, lugar onde se celebra cada 28 de xuño este evento, que conmemora o traslado dos restos do galeguista Afonso Daniel Rodríguez Castelao a Galicia tras falecer en Bos Aires.

A entrega das medallas estivo presidida polo xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, que se referiu aos galardoados como “parte dunha savia que fixo e fai frutificar o mellor de nós” e, para acervo común do galeguismo, subliñou, “o labor de Luis Espada en prol do afianzamento do sistema universitario de Galicia”. Logo de defender que o “ideal” de facer de Galicia unha “célula de universalidade”continúa “vixente”, o presidente advertiu que “o galeguismo do século XXI” debe ser “global e non dividir”.

Xunto a Luis Espada, recibiron a medalla o xurista Antonio Fernández de Buján y Fernández; a doutora María del Carmen Porto Vázquez; o primeiro secretario xeral do PSdeG-PSOE, Modesto Seara Vázquez; e o empresario Roberto Tojeiro Rodríguez, aos que o presidente se referiu como “unha magnífica galería do galeguismo do século XXI” ou “artífices da Galicia libre, da Galicia plural e da Galicia aberta”. “Eles son a mostra de que a fecundidade do noso país non ten o seu fundamento no cultivo dunha única identidade, senón na singular combinación de identidades distintas”, engadiu.

“Símbolo de traballo por e para Galicia”

Tras recibir a medalla Luis Espada, presidente do Tribunal de Garantías da Universidade e Valedor do Cidadán do Concello de Vigo, agradeceu publicamente a concesión do galardón “que me honra profundamente e que levarei con todo orgullo e dignidade ao longo da miña vida como símbolo de traballo por e para Galicia”. Cativo da xeración da posguerra, na que moitas familias tiveron que facer grandes esforzos persoais para que os seus fillos puidesen estudar, as primeiras verbas de Espada foron para os seus pais, “que me ensinaron que toda aprendizaxe implica empeño e que esta vontade debe sempre facerse sen menoscabar a ninguén, unha sinxela filosofía que tentei transmitir aos meus discípulos e colaboradores”. Tampouco se esqueceu da súa familia, amigos e compañeiros de profesión “parte desa cerna que constitúe a actividade profesional e a quen tanto se lle debe”.

Lembrou tamén a figura de Castelao, quen na súa “vida exemplar”, enfatizou, mantivo sempre “silencio para escoitar, serenidade para reflexionar, sensibilidade e coraxe para falar e vontade para traballar, características fundamentais para encarar calquera problema”.

Asistentes ao acto

Ao evento acudiron, entre outros representantes da vida cultural e social galega, todos os conselleiros, a excepción da titular de Mar, Rosa Quintana, que participa en Luxemburgo no Consello de Ministros da Unión Europea (UE). Tamén estiveron o reitor vigués, Salustiano Mato; a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo; o Valedor do Pobo, Benigno López; e o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo; entre outras autoridades.