DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente e o deputado de Xuventude foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa

Luis López e Jorge Cubela visitan o campus para coñecer de preto os proxectos da asociación estudantil UVigo Space Lab

Metidos de cheo na misión espacial BIXO, a asociación busca novos socios de todas as titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • TIC
  • Visitas
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 29/02/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o deputado de Reto demográfico, xuventude e desenvolvemento rural, Jorge Cubela, alcalde de Cercedo Cotobade, visitaron este xoves a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para coñecer de primeira man a asociación estudantil UVigo SpaceLab, integrada por máis de 30 estudantes de distintas escolas e facultades que traballan no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, entre eles, a misión biolóxica BIXO, a primeira da asociación con perspectivas reais de lanzamento.

López e Cubela foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e responsables das escolas de enxeñaría do campus de Vigo (Rebeca Díaz, directora da EE de Telecomunicación; José Fariña, director da EE Industrial, e María Araújo, subdirectora da EE de Minas e Enerxía), xunto cos profesores Martín Llamas e Yolanda Blanco, do centro de investigación atlanTTic, e Fernando Aguado,  coordinador do grupo ATRG, Aerospace Technology Research Group.

Na que foi a súa segunda visita ao campus de Vigo desde a súa chegada á Deputación o pasado mes de xullo, Luis López, salientou que “para  a Deputación de Pontevedra a xuventude non é futuro, senón presente”, e por iso no plan de goberno do organismo provincial déronlle “un protagonismo especial a este ámbito”, subliñou o presidente, quen aproveitou esta visita para lembrar a todas as mozas e mozos da provincia que desde a Deputación de Pontevedra se están a pór en marcha diferentes medidas dirixidas á mocidade, entre elas, unha nova convocatoria de axudas, dotadas con 100.000 euros, destinadas especificamente ao impulso das asociacións xuvenís.

Pola súa banda, o reitor vigués agradeceu a visita do presidente, “xa que hai moitos proxectos que nos gustaría que coñecese de primeira man”. Entre eles, situou a UVigo SpaceLab, “unha actividade estudantil dirixida por eles mesmos coa axuda do profesorado da escola” e que, tal e como explicou o reitor, é exemplo claro da importancia do sector tecnolóxico na Universidade de Vigo. 

Coñecendo de preto a misión BIXO

Durante a visita ás instalacións de UVigo SpaceLab, tanto na EE de Telecomunicación como en atlanTTic, os responsables do organismo provincial coñeceron os detalles da misión BIXO, que, tal e como lle explicaron os seus impulsores, consistirá nun CubeSat2U que terá como principal obxectivo estudar os efectos da exposición prolongada ao ambiente espacial en organismos vivos, “un gran de area que, desde a Universidade, buscar achegar resultados no marco aeroespacial das misións de importantes axencias que traballan para volver á Lúa e alcanzar Marte”, indicaron os alumnos.

Os diferentes membros do equipo foron expondo os múltiples obxectivos da misión BIXO, os prototipos e as maquetas desenvoltas, e os fitos alcanzados ata o momento, entre eles a consecución de dous importantes galardóns, o máis importante, acadado en setembro de 2022, foi o primeiro premio no  Space Universities CubeSat Challenge, SUCC, grazas ao cal se lles brindou a oportunidade de lanzar o satélite en colaboración coa Academia China de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento e a Federación Internacional de Astronáutica.

O percorrido incluíu a visita á estación terreña UHF da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do grupo ATRG do centro de investigación atlanTTic.

Na busca de novos estudantes con “paixón e curiosidade polo espazo”

Coincidindo coa visita do presidente da Deputación de Pontevedra, a directiva de UVigo SpaceLab aproveitou para anunciar que acaban de abrir unha nova etapa de recrutamento de socios, na busca de novas alumnas e alumnos que amosen a mesma “paixón e curiosidade polo espazo” que teñen eles.

Todas as persoas interesadas terán de prazo ata o 1 de abril para anotarse. Búscanse todo tipo de perfís, incluíndo tanto ao alumnado das diferentes ramas de enxeñaría como as titulacións do ámbito científico e xurídico-social, “abarcando unha ampla gama de especialidades de grao, mestrado e doutoramento dos campus de Vigo e Ourense”, explicaron desde a asociación, ao tempo que fixeron fincapé en que non é precisa experiencia previa, pois buscan “xente que queira aprender e que teña curiosidade e paixón por formar parte deste proxecto” e, a cambio, “adquirirán unha experiencia de grande interese para o seu futuro laboral”.

Dentro do equipo existen diferentes departamentos, cada un especializado nunha parte da misión ou nun subsistema específico do satélite. Desde o Departamento de Comunicacións, responsable da coordinación da estación terreña e do deseño e valoración de algoritmos e sistemas de comunicación, ata Organización e Marketing, encargado da xestión interna do equipo, o patrocinio e a divulgación do proxecto, pasando por Enxeñaría de sistemas, que se centra no deseño e análise da misión e a integración do satélite, por citar só tres exemplos.

En contacto directo cos profesionais do sector

Exemplo claro de contacto coa realidade do sector espacial o equipo participou a pasada semana en Málaga no Small Satellites and Services International Forum, evento de gran relevancia no sector dos pequenos satélites e no que xa participaran en 2023. “Tivemos a oportunidade de presentar varios pósters que destacaron os avances tecnolóxicos alcanzados no desenvolvemento de BIXO”, explicaron desde o equipo, “moi orgullosos” de ter podido compartir os seus avances e descubrimentos cos profesionais deste sector.

 “Ademais aproveitamos esta oportunidade para reunirnos con algúns dos nosos patrocinadores que tamén asistiron ao evento e que son fundamentais para o éxito da misión, e puidemos coñecer varias figuras de gran relevancia no marco aeroespacial internacional, entre eles, Jordi Puig, cocreador do estándar cubesat, e Andrés Martínez, xefe do programa de Sistemas de Exploración Avanzada en pequenos satélites na NASA”.