DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ata agora secretario deixou o cargo para formar parte da candidatura do PP á alcaldía de Ourense

Mª José Bravo Bosch releva a Miguel Ángel Michinel á fronte da Secretaría Xeral da UVigo

Asume o posto “con moitísima responsabilidade e moi animada”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/05/2023

“Con moitísima responsabilidade e moi animada”. Así asume o cargo a nova secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo Bosch, profesora do Departamento de Dereito Privado e ata agora directora de Inspección de Servizos e mentora ética da UVigo. O seu nomeamento tivo lugar este venres coincidindo co inicio da campaña electoral ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, nas que participa o seu predecesor no cargo, o profesor Miguel Ángel Michinel, que renuncia ao posto de secretario xeral por formar parte deste proceso electoral como integrante número 7 da candidatura do Partido Popular, encabezada por Manuel Cabezas, á alcaldía de Ourense.

“Traballadora incansable” como ela mesma se define, a profesora Bravo Bosch considérase “unha persoa moi conciliadora, que quere moitísimo á Universidade de Vigo, que cree no seu proxecto” e, nesta liña, amósase convencida de que “esta institución, cos seus tres campus, ten moito que ofrecerlle á sociedade”. É consciente de que asumir o posto de secretaria xeral supón “unha gran responsabilidade”, pero agarda poder “estar á altura”. “Precisarei moito apoio e tamén da paciencia da comunidade universitaria mentres me poño ao día de todo o que significa exercer esta función, pero fágoo con moita ilusión”, aclara a secretaria xeral.

Esta nova responsabilidade ten para a profesora Bravo Bosch un sabor “agridoce”, xa que tamén suporá a súa despedida do cargo de inspectora de servizos e mentora ética da UVigo, tarefas que leva exercendo os últimos anos e das que recoñece “disfrutou moito”.  Neste senso, considera que “traballar coa vicerreitora de Investigación e co secretario xeral foi algo que me satisfixo plenamente, a pesar de que na maior parte das ocasións eran temas, á vez que importantes, moi complicados”, salienta, destacando así a responsabilidade dun cargo no que cómpre tomar decisións que afectan principalmente a outras persoas, “polo que se debe facer con rigor, evidencias claras e sempre dunha forma reflexiva, sen présas, entendendo as circunstancias e atendendo as diferentes situacións posibles”. 

Miguel A. Michinel, preto de cinco anos á fronte da Secretaría Xeral 

Catedrático de Dereito internacional privado, Miguel Ángel Michinel exerceu como secretario xeral da UVigo desde xuño de 2018, data na que Manuel Reigosa toma posesión como reitor. Desde entón compaxinou este labor con tarefas docentes e investigadoras. A súa última intervención como secretario xeral da UVigo tivo lugar no Consello de Goberno Extraordinario celebrado onte xoves. Árbitro da Corte de Arbitraxe da Cámara de Comercio Hispano-Portuguesa desde 2011, foi vicedecano en dúas ocasións e decano da Facultade de Dereito; tamén dirixiu unha cátedra Jean Monnet sobre cooperación xurídica internacional.