DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte analizaron o efecto da idade relativa nestes to

A maioría dos futbolistas das principais ligas europeas naceron nos primeiros meses do ano

O 32% dos profesionais das dez competicións máis importantes fíxoo entre xaneiro e marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 29/06/2016

Cristiano Ronaldo e Neymar naceron en febreiro; Luis Suárez, en xaneiro; Messi, en xuño... Diferentes estudos teñen comprobado nas últimas décadas os efectos, tanto no fútbol como noutros deportes, da idade relativa, a maior representación nas competicións de deportistas nacidos a comezos de ano con respecto aos que o fixeron nos últimos meses. Co propósito de afondar neste fenómeno, investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte veñen de analizar unha mostra composta por 12.144 xogadores de 25 ligas, o que lles permitiu comprobar, por exemplo, que a porcentaxe de futbolistas nacidos nos primeiros tres meses do ano nas principais ligas europeas é de preto do 32%, mentres que os nacidos no primeiro semestre sitúanse no 58%.

“Diversos estudos amosaron que, en termos de rendemento, existen diferenzas entre os nacidos no primeiro e segundo trimestre cos nacidos no terceiro e no cuarto”, salienta o investigador Alexis Cabo, autor xunto con Ezequiel Rey, José Luis García Soidán e Erik Penedo, do artigo sobre este efecto que veñen de publicar no International Journal of Performance and Analysis in Sports. Nel analizan a data de nacemento de máis de 12.000 xogadores profesionais, que na tempada 2014/2015 competían na primeira ou na segunda división das ligas de España, Francia, Inglaterra, Alemaña, Portugal, Holanda, Italia, Ucraína, Bélxica e Rusia. A estas súmase ademais a análise da máxima categoría de Brasil, México, Sudáfrica, Corea do Sur e Australia, as máis importantes, segundo a International Federation of Football History and Statistics, das doutras cinco zonas xeográficas diferenciadas pola FIFA.

Unha diferenciación que vén da base

“Cando dous xogadores teñen 20 ou 25 anos, a diferenza entre o que naceu en xaneiro e en decembro non é substancial”, sinala Rey. Mais si o é cando teñen 10 ou 12 e pode supor, “pese a competir na mesma categoría, unha diferenza do 10% no seu desenvolvemento físico, cognitivo, social, técnico ou antropométrico”. É precisamente nesta etapa, como sinala este investigador do grupo Remoss, “cando se selecciona o talento” e os cativos que máis destacan son recrutados para os mellores equipos, “onde pasan a adestrar máis días, con mellores adestradores e máis medios”, algo ao que terán máis opcións os nacidos antes no ano natural, polo seu maior desenvolvemento neste momento. Así pois, “a probabilidade de ser xogador profesional aumenta cando antes nazas no ano natural, a pesares de que o número de nacementos nos doce meses sexa máis ou menos o mesmo”, engade Rey.

O efecto está presente en todas as ligas, agás en Inglaterra e Corea

Para este estudo, os investigadores agruparon os xogadores por trimestres, o que lles permitiu comprobar que o primeiro é o que reúne á maior porcentaxe de profesionais nos 15 países analizados, agás en Ucraína, onde o 30,7% dos xogadores naceron no segundo trimestre fronte ao 29,5% do primeiro; e Corea do Sur, onde a porcentaxe de nacidos entre xaneiro e marzo é do 25,2% fronte ao 28,7% dos tres meses seguintes. O país asiático e Ucraína son, xunto con Inglaterra, Bélxica e Sudáfrica, os únicos nos que a porcentaxe de xogadores nacidos neste trimestre, que chega ao 35,5% en Australia, é inferior ao 30%. Pola contra, só catro torneos, os de Inglaterra, Ucraína, Rusia e Corea do Sur, alcanzan o 20% de xogadores nacidos entre outubro e decembro, trimestre que só representa ao 14,9% dos xogadores de Italia ou ao 15,9% de España.

Inglaterra e Corea do Sur son ademais os únicos países nos que non se rexistraron os efectos da idade relativa neste estudo. De feito, a porcentaxe de xogadores nacidos nos primeiros seis meses do ano é do 51,2% e do 53,9% da asiática, respectivamente, moi por debaixo do 63,2% de Italia, o 62,1% de España a ou o 60,2% de Brasil e Ucraína.

Outras variables a análise

Para este artigo, os investigadores analizaron tamén a incidencia deste fenómeno en función de aspectos como o nivel do equipo,no que, explica Cabo, non se producen diferenzas, xa que está presente “tanto nos xogadores de primeira como de segunda e nos equipos da zona alta, media e baixa”. Está presente tamén, explica, en todas as posicións no campo, sendo máis acentuado nas de de centrocampista e porteiro, nas que o 32,4% e o 31,3% dos xogadores analizados, respectivamente, naceron entre xaneiro e marzo. “Non é un efecto homoxéneo en todas as posicións e en todas as ligas, depende un pouco da cultura futbolística de cada país, do tipo de xogo predominante en cada unha das ligas”, engade Rey.

No tocante á zona de orixe, naceron entre xaneiro e marzo o 32,1% dos xogadores europeos, o 30,6% dos americanos, o 29,6% dos africanos e o 36,3% dos australianos. Tan só no caso dos asiáticos, o primeiro trimestre non é o no que se concentra o maior número de xogadores. A este respecto, Cabo sinala que “algúns artigos fan referencia a que canto máis desenvolvido estea un deporte nunha determinada zona, canto máis popular sexa, máis arraigado estará este efecto”.