DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son o 41% do total de persoas matriculadas en toda Galicia

Máis de 1100 alumnos e alumnas examinaranse esta semana na UVigo na convocatoria extraordinaria da ABAU

Distribuiranse entre os campus de Vigo (652), Ourense (264) e Pontevedra (233)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 10/07/2023

1149 alumnos e alumnas participarán esta semana nos tres campus da Universidade de Vigo na convocatoria extraordinaria das Probas de Acceso á Universidade, ABAU 2023.  Segundo os datos facilitados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, o campus no que se examinarán máis estudantes é o de Vigo, con 652mozos e mozas matriculadas, seguido do de Ourense, con 264 estudantes -246 no campus e 18 no IES Cosme López Rodríguez de A Rúa- e 233 no campus de Pontevedra.

No campus de Vigo os alumnos e alumnas repartiranse entre a Facultade de Filoloxía e Tradución (226), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (216) e o edificio de Ciencias Experimentais (210); mentres que en Ourense a cita será nas facultades de Historia e Traballo Social e, en Pontevedra, os exames concentraranse na Escola de Enxeñaría Forestal.

Mesma estrutura que na convocatoria ordinaria

As probas prolongaranse desde mañá martes ata o xoves e terán un calendario e unha estrutura practicamente igual á convocatoria ordinaria, celebrada do 6 ao 8 de xuño. Así, a xornada arrancará ás 09.00 horas cunha presentación previa á realización do exame de Historia de España, que se iniciará ás 10.00 horas. Seguiralle o de Lingua Castelá e Literatura, ás 12.00 horas, e, xa pola tarde, serán os das primeiras materias de modalidade, a escoller entre Matemáticas e Latín (16.00 horas) e Economía da Empresa e Deseño (18.00 h).

Os resultados das probas daranse a coñecer o vindeiro mércores 19 de xullo. As cualificacións constan dunha primeira parte sobre 10 puntos que se obtén sumando o 60% da media do bacharelato e o 40% da media dos cinco exames que constitúen a fase obrigatoria. Ademais, pódese chegar a alcanzar os 14 puntos examinándose das materias da denominada parte voluntaria, para o cal se teñen en conta os denominados factores de ponderación, que son distintos en función do grao no que o estudante se queira matricular.

Preinscricións do 19 ao 21 de xullo

O prazo para preinscribirse nas diferentes titulacións do SUG manterase aberto do 19 ao 21 de xullo. Unha vez admitido/a na titulación desexada, a Universidade de Vigo abrirá un cuarto prazo de matrícula o 25 e 26 de xullo, e un quinto do 29 ao 31 deste mesmo mes. O sexto chamamento á matrícula será do 2 ao 4 de setembro.