DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 150 estudantes de catro universidades danse cita en Vigo nas Olimpiadas de Minas

Os equipos competirán en sete modalidades deportivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 07/03/2008
Máis de 150 estudantes de catro universidades españolas danse cita esta fin de semana en Vigo na 1ª edición da Olimpiada de Minas. Organizada polos alumnos desta titulación na Universidade de Vigo, esta iniciativa xurde inspirada no Cartel des Mines, unha competición a nivel continental na que se dan cita representantes das escolas de Minas de diversos países europeos. Esta primeira edición pretende reunir aos estudantes españois arredor de sete modalidades deportivas como un xeito de interaccionar e coñecerse, ao tempo que tamén se dan a coñecer as escolas de Minas a nivel nacional.
En total, danse cita no campus representantes das universidades de León, Oviedo e Madrid, que xunto cos estudantes vigueses tomarán parte dun programa de actividades amplo e intenso. Para sacar adiante esta iniciativa, os dez estudantes da escola implicados na organización contaron coa colaboración do Servizo de Deportes da Universidade, da dirección da propia ETS de Enxeñeiros de Minas e da empresa Coca-Cola, que patrocina o evento.
De cara a futuras edicións agárdase que se poida aumentar o número de participantes, convidando a máis escolas e incluíndo aos enxeñeiros técnicos que esta vez non participan.

Un programa deportivo completo

A recepción oficial dos participantes, este venres ás 20.00 h, da paso unha cena de benvida na que se poderán coñecer todos os deportistas. Ao longo da xornada do sábado, as diversas competicións deportivas comprenden sete modalidades. A partir das 12 da mañá comezarán os partidos de baloncesto masculino e voleibol feminino nas instalacións do pavillón universitario. Xa pola tarde desenvolveranse as competicións de fútbol sala feminino ás 16.00 horas e tenis de mesa a partir das 17 horas no pavillón e, posteriormente, natación e atletismo, ambas nas modalidades masculina e feminina, e fútbol masculino. Dende a organización da Olimpiada, sinálase aos representantes madrileños como os principais favoritos, con ampla experiencia no Cartel des Mines, onde participaron en todas as súas edicións.
Unha vez rematas as probas, terá lugar a entrega de premios na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas a partir das 20 horas, á que seguirá unha cena de confraternidade coa que se pecharán os actos desta primeira edición da Olimpiada de Minas.

O Cartel des Mines como exemplo a seguir

A idea de organizar estas xornadas deportivas xurdiu á imaxe do Cartel des Mines, unha competición que comezou hai 33 anos. Nos seus inicios era de carácter nacional e nela reuníanse estudantes de Enxeñaría de Minas franceses como unha competición exclusivamente francesa pero co tempo foi incluíndo a facultades de toda Europa, ata chegar a San Petersburgo, novidade da próxima edición. Os estudantes da ETS de Enxeñeiros de Minas da Universidade de Vigo participan como convidados nesta competición continental dende hai cinco anos.