DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o 30 de xuño, 1 e 2 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Máis de 500 participantes no II Congreso Internacional de Docencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 28/06/2011

Pese a que cando falamos de universidade facemos referencia a unha institución tradicional que xa conta con séculos de vida, tamén nos referimos a un organismo considerado modelo de progreso social, xa que leva a innovación, a investigación, a reflexión ou o pensamento crítico como bandeira. Por isto e na actualidade as universidades europeas están sumidas en profundos cambios, con novos retos e coa vista fixada na mellora da calidade do ensino e da aprendizaxe e, neste contexto, celébrase o II Congreso Internacional de Docencia Universitaria. O congreso está “dirixido a todas aquelas persoas interesadas na docencia universitaria, co fin de facilitar o intercambio de experiencias e estratexias docentes, mellorar a docencia e difundir as experiencias innovadoras e investigadoras”, como apunta Pedro Membiela, profesor de Departamento de Didácticas Especiais e membro do Comité Organizador.

Obxectivos e finalidade

O II Congreso Internacional de Docencia Universitaria “ten unha grande acollida entre os interesados, tal e como demostra o número de participantes inscritos, máis de 500, xa que permite expoñer e debatir ideas ou cambios novidosos no ámbito do ensino universitario, sempre pensando na contribución á mellora educativa”. Estes cambios, resultado da reflexión consciente e implicación dos profesionais, permite abrir novos camiños que sigan mantendo á universidade como punto de referencia do crecemento e adaptación social. O emprego de novas tecnoloxías, a calidade no ensino e no aprendizaxe, o cumprimento coas expectativas socio-laborais do estudantado ou a adaptación docente a unhas aulas onde prime, cada vez máis, a diversidade estudiantil, poden ser elementos clave que permitan explotar todo o potencial da institución.

Participantes e programa

O número de persoas inscritas supera xa os 500, “alcanzando xa o límite de matriculados”, explica Membiela. Nesta edición, cabe destacar non só a participación de docentes de universidades españolas, senón que tamén se contará coa presenza de membros de universidades de Portugal e Latinoamérica, especialmente de Brasil.

O congreso, que se celebrará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, inclúe tanto a exposición das comunicacións enviadas polos participantes como dúas conferencias, a cargo dos docentes e expertos Joan Rué e Antonio Nóvoa, así como unha mesa redonda na que participarán os profesionais Luis Muñoz, Mª Victoria Otero, Cecilia Leão e Luz Mª Puente.