DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A HappyGoRunning-Cidade Universitaria celebra a súa 12ª edición

Máis de 600 persoas tomarán a saída este domingo na carreira da felicidade

100 delas participarán na andaina de 10 km e o resto nas probas de 6 ou 10 km

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 20/04/2018

Felices por correr, felices por camiñar, felices por gañar, felices por participar... A carreira da felicidade, os 10 km Cidade Universitaria, regresa este domingo ao campus coa celebración da décimo segunda edición da proba. O prazo de inscrición pechouse este mércores e a organización avanza que serán 627 persoas as que tomarán a saída, 100 delas na andaina e o resto nas dúas distancias da carreira: 6,6 km e 10 km.

Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, a proba conta coa colaboración de entidades como o Concello de Vigo, a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia ou Cidade Universitaria. De feito, forma parte do Circuíto Run Run Vigo de Carreiras Populares e ademais ten unha vertente solidaria, ao ser a cuarta edición que se converte na Carreira Interuniversitaria contra a Droga, iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico apoiada polas universidades de Galicia e o norte de Portugal co obxectivo de promover a práctica deportiva como un hábito saudable para o desenvolvemento integral das persoas. Así, un euro de cada inscrición será destinado a un proxecto solidario da Fundación Galega contra o Narcotráfico, neste caso para a compra de colmeas dedicadas á formación en apicultura de exdrogodependentes en proceso de reintegración social.

Niveis de esixencia para todos os gustos

A HappyGoRunning comprende tres modalidades diferentes para que a participación estea aberta a calquera tipo de persoa. Por unha banda, a proba clásica, coa que comezou esta cita deportiva, os 10 km, que se desenvolven nun circuíto de 3.333m que transcorre, en tres voltas, entre os vieiros interiores do campus e a entrada á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Os participantes terán o reto mellorar os récords desta proba, marcados por Hassan Lekhili en 2012 cun tempo de 00:29:59 de nesta edición e por Ester Navarrete en 2016 con 00:35:03. Unha segunda modalidade, de iniciación de 6,6 km, comprenderá dúas voltas a este circuíto.

Para os que prefiran ir amodo existe a opción da andaina, cunha distancia de 10 km polos arredores do campus. Esta última alternativa está organizada en colaboración co Club Peña Trevinca, onde deseñaron un percorrido que permitirá coñecer a contorna dende o parque forestal de Beade ata o Chan da Cruz e de regreso ao campus, gozando de vistas sobre a ría e tamén de restos arqueolóxicos.

A andaina arrancará ás 09.30 horas e a carreira en ambas distancias ás 11.00 horas. A entrega de premios terá lugar no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria ás 12.45 h e no transcurso do acto recibirán os seus premios os primeiros clasificados en categoría xeral masculina e feminina e na Carreira Universitaria Galaico-Duriense por campus.

Consellos para a carreira

Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte tamén achegan unha serie de recomendacións para aquelas persoas que vaian participar na carreira. Antes de comezar a proba aconsellan facer un bo almorzo e quentar adecuadamente e durante a competición destacan a importancia de manterse ben hidratados e hidratadas e ir ao ritmo adecuado segundo as condicións de cada quen. Deste xeito, corredores e corredoras poderá gozar da carreira e da experiencia.

Transporte e actividades lúdicas

Para facilitar a participación nesta carreira, a Universidade ten deseñado un programa complementario de actividades. Por primeira vez haberá un servizo de autobuses dende o centro de Vigo con saídas da Farola de Urzáiz (09.15 h), praza de España (09.20h) e praza América (09.30h). As persoas participantes tamén terán á súa disposición vestiarios, avituallamento, ludoteca e un menú especial de cinco euros. Un ano máis Terio Carrera será o anfitrión do evento.