DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de A Coruña impúxose tanto por equipos como na clasificación individual

Máis de 90 atletas no Campionato Galego Universitario de Orientación

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 19/03/2012
Máis de 90 atletas déronse cita este sábado no campus de Vigo para disputar a décimo segunda edición do Campionato Galego de Carreiras de Orientación, competición que rematou coa vitoria da Universidade de A Coruña tanto por equipo como na clasificación individual.

A Universidade viguesa foi a anfitrioa por segundo ano consecutivo desta proba na que participaron deportistas das tres institucións académicas galegas xunto con representantes da Escola Naval Militar de Marín.Os coruñeses remataron a competición por equipos no primeiro posto, mentres que Vigo foi segunda e Santiago terceira. Na clasificación individual feminina rematou no primeiro posto Olalla Bello Rodríguez, da Coruña e completaron o podio dúas corredoras da Universidade de Vigo, Cristina Fernández López e Isabel Pastoriza Santos. Na categoría masculina rematou na primeira posición Alberto Taboada Pintor, de Coruña; na segunda Borja Varela Paz, de Santiago e na terceira Martín Pazó Pazó, de Vigo.

O campionato realizouse baixo as normas de Orientación a pé, denominada carreira en liña con dous percorridos. A distancia na categorías masculina foi de 5.1 Km cun desnivel de 250 metros e con 23 balizas ou controis de paso, mentres que na feminina a distancia foi de 3.5 Km e 180 metros de desnivel, con 17 balizas ou controis. José Luis Armada, responsable do equipo universitario, explica que “dende la primeiras horas da mañá a meteoroloxía non prognosticaba nada favorable para a celebración do campionato, pero a medida que avanzaba o día os prognósticos fóronse suavizando, transcorrendo a proba con total normalidade”. Tanto corredores como organizadores deron por satisfactoria a xornada, que finalizou coa entrega de trofeos aos vencedores individuais por universidades.

Armada destaca o traballo realizado pola Universidade de Vigo na organización desta proba xa que o traballo de mapa base e o 70% do traballo cartográfico e de deseño realizárono compoñentes do equipo vigués e finalizado por Javier Arufe, cartógrafo da Agaco, Asociación Galega de Clubs de Orientación.

“Actualmente a Universidade de Vigo conta coa propiedade baixo rexistro da Federación Española de Orientación de varios planos”, explica Armada, entre eles un da Serra do Galiñeiro, cunha extensión de 6.5 Km cadrados; de Nerga-Barra con 6.3 Km; do Castro, en Vigo, con 0.4 Km; dos campus de Pontevedra e Ourense e dos cascos históricos de Baiona e Ourense.

Próxima cita, a Liga Galega

As carreiras de orientación volverán ao campus vigués o vindeiro 21 de abril coa celebración da 4ª proba da XXI Liga Galega de Carreiras de Orientación. Segundo indica José Luis Armada, agárdase a participación duns 500 corredores de todos os clubs galegos, así como de corredores asturianos, leoneses e portugueses.