DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espazo da Universidade de Vigo recibiu o dobre das visitas esperadas

Máis de 9000 persoas sóbense a bordo do Campus do Mar en Lisboa

O Secretario de Estado de Mar de Portugal, Manuel Pinto de Abreu, coñeceu o proxecto vigués de prime

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 08/08/2011

Moita máis expectación da que se esperaba. Iso foi o que xerou o Campus do Mar durante os tres días que participou no Festival dos Océanos, un evento que se celebra en Lisboa e que ata o vindeiro 13 de agosto aglutina de balde actividades de cultura e lecer co mar como tema de fondo. A Universidade de Vigo participou nesta ocasión cun escenario pouco habitual: atracado na mariña do Parque das Nacións da capital lusa a bordo do Santa María Manuela, un bacallaeiro restaurado que fixo un alto no camiño no avistamento de cetáceos no Atlántico para servir de fondo perfecto á nova presentación do Campus de Excelencia vigués en terras portuguesas.

Os obradoiros divulgativos na cuberta do barco foron unha das maiores atraccións do espazo dedicado ao Campus do Mar. Máis de 9000 persoas subiron a bordo do buque para coñecer a través dos microscopios e de paneis informativos un pouco máis sobre as diferentes areas que se poden observar no fondo do mar, así como mostras de fauna mariña. En total, o stand da Universidade de Vigo recibiu máis do dobre das visitas esperadas, un gran éxito de público que provocou colas no acceso ao Santa María Manuela dos interesados.

Cea co Secretario de Estado do Mar

Nestes tres días atracados en augas lusas, o Campus do Mar recibiu importantes visitas. Unha delas, a do Secretario de Estado de Mar do goberno portugués, Manuel Pinto de Abreu, que tras facer un percorrido polo navío e admirar as distintas actividades que se estaban levando a cabo asistiu a unha cea a bordo do buque na que puido coñecer de primeira man o proxecto da universidade viguesa tras unha conversa con Emilio Fernández, director do Campus do Mar. Ademais, Pinto de Abreu non quixo perderse a ocasión de acudir á presentación oficial que se fixo do Campus de Excelencia durante a primeira xornada no Festival dos Océanos.

Loita contra o descoñecemento

Esta estancia no Parque das Nacións serviu para achegar o Campus do Mar aos portugueses e os turistas que participaron no Festival dos Océanos de Lisboa e que se subiron a bordo do Santa María Manuela. Durante a xornada do sábado, o salón principal deste bacallaeiro restaurado acolleu unha sesión de conferencias nas que interviñeron tanto o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, como o director da área de Proxección Social e Cultura Científica, Victoriano Urgorri. Ambos falaron non só sobre o proxecto do Campus de Excelencia e a importancia de estudar e coñecer os océanos, senón que tamén descubriron a todos os participantes a gran variedade de especies que habitan na profundidade do mar, as súas características e as dificultades que o ser humano ten para poder estudar este ecosistema.