DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Performance poético con Máighréad Medbh, unha das voces femininas máis impactantes do panorama irlan

Máis dun millar de formas de pisar a Terra grazas á poesía

Ao abeiro do Mestrado Universitario en Estudos Ingleses Avanzados

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 08/11/2011

Poesía interpretada coa voz e o corpo. A escritora irlandesa Máighréad Medbh foi a protagonista da primeira performance poética que acolleu a Facultade de Filoloxía e Tradución, “unha experiencia única” organizada ao abeiro do Mestrado Universitario en Estudos Ingleses Avanzados no que unha das voces femininas máis impactantes do panorama poético contemporáneo irlandés amosou un concepto “máis dinámico da poesía, que se traduce e proxecta co corpo”, explicou a profesora Teresa Caneda. Tras varios anos como anfitrión de distintos eventos dedicados á cultura irlandesa, esta era a primeira vez que unha poetisa sobe ao escenario.

Preto de 20 poemas empapados na tradición irlandesa que Medbh foi introducindo para contextualizar ante un grupo de alumnos que xa leran parte da súa obra: a autora ten escritos cinco libros de poemas, catro novelas, tres ensaios, ademais doutros traballos como unha antoloxía de poesía galega traducida ao inglés no que leva ao idioma de Shakespeare a obra de María Lado. Na performance, Medbh demostrou que en Irlanda a poesía está moi conectada á vivencia cotiás. “No noso contexto existe un divorcio entre a realidade e a poesía, xa que se ve como algo que está ao marxe, que é máis elitista”, asegura Caneda, mentres que para os irlandeses acudir a un recital é máis habitual que incluso ir á presentación dun libro.

Un mundo de contradicións

Para a irlandesa, a poesía sitúase fronte ao mundo con todas as súas incoherencias, unhas constantes “contradicións entre pasado e futuro” que Medbh adora xa que “a miña experiencia vital dime que as cousas pasan, poden pasar e deben pasar”. Con esta mestura entre recital e performance, a poetisa pretende explorar os diferentes significados da actividade literaria e os novos métodos nos que esta se pode achegar ata a cidadanía porque como di o nome do evento hai máis dun millar de xeitos de pisar a Terra (More Ways than a Thousand to Tread Earth: A Poetry Performance by Máighréad Medbh).

Cunha actuación especialmente emocionante pola entrega na interpretación duns poemas que ás veces van acompañados de cancións, para a Medbh o poema é máis que un escrito cunha estrutura e un contido lingüístico, xa que ten que reflectir a experiencia do autor. “Para chamarse a si mesmo poeta tes que ser moi sensible a certos aspectos da vida e a como eses aspectos poden comunicarse a través da música da linguaxe. Música e linguaxe van xuntos no reino da poesía”, subliña.