DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polos investigadores da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Julia Fontenla

Un manual achega ferramentas contra a desinformación ao alumnado de secundaria

Insírese nas iniciativas do proxecto DEBATrue

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/03/2024

Proporcionar ao profesorado e alumnado de secundaria e bacharelato un conxunto de ferramentas e de recursos didácticos que lles permitan “entender mellor o fenómeno da desinformación e as noticias falsas e observalo con perspectiva”. Ese é, como sinalan os investigadores da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Julia Fontenla, o propósito central de Contra la desinformación: manual de herramientas y recursos didácticos en el aula, un libro dixital de acceso aberto que reúne as achegas de 25 expertos e expertas de ámbitos como a comunicación, o márketing, a filosofía, a socioloxía, o dereito ou a informática. Inserido nas actividades do proxecto DEBATrue, que coordina o grupo de investigación CP2 da facultade pontevedresa, neste manual abórdanse un conxunto de temáticas relacionadas con esta problemática, desde o concepto de posverdade e as teorías da conspiración ata o uso da intelixencia artificial para a verificación de datos ou a magnitude do negocio da desinformación.

Trátase dun manual cun “propósito divulgativo, polo que cada capítulo inclúe tamén actividades e recursos para que os profesores poidan traballar este tema na aula”, apunta Rúas, coordinador xunto con Fontenla dun volume no que apostaron tamén por unha linguaxe accesible e “un deseño atractivo e moi dinámico”. Publicado pola editorial Fragua, o libro insírese nas actividades en materia de sensibilización que abrangueu o proxecto DEBATrue (Lucha contra la desinformación y los estándares de valor en los debates electorales en TV y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain), coordinado por Rúas e a tamén investigadora do grupo CP2 Ana Belén Fernández Souto e seleccionado na convocatoria estatal de I+D+i para a realización de Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Do “negocio da desinformación” ás ferramentas para combatela

Contra la desinformación conta coas achegas de especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Granada, Sevilla e A Coruña, así como do CSIC. Os seus contidos abranguen desde un percorrido pola “historia da manipulación” a unha análise sobre como esta afecta ás liberdades de expresión e información, pasando por unha reflexión sobre o concepto de “posverdade” e sobre as “circunstancias nas que as emocións e as crenzas persoais inflúen máis na formación de opinións e na toma de decisións que os feitos obxectivos”, nun capítulo asinado polas investigadoras do Instituto de Filosofía do CSIC Astrid Wagner e Teresa Moreno. Analízase tamén o “negocio da desinformación”, da man do investigador da UVigo Andrés Mazaira, quen detense tamén nos principais modelos de empresas de verificación de datos. Outros artigos permiten, así mesmo, coñecer os trazos distintivos das teorías da conspiración ou a importancia que ten o control da información nas guerras, grazas á participación do coronel e agregado de Defensa en Seúl, Ángel Gómez. 

A influencia que teñen os nesgos dos algoritmos das redes sociais no acceso á información ou como este se ve determinado polos resultados que ofrezan os principais buscadores forman parte tamén dos contidos dun libro que achega ademais ao alumnado diferentes ferramentas para facer fronte á desinformación. Nese senso, os investigadores e investigadoras participantes abordan o uso de axentes conversacionais para verificar información e as posibilidades da intelixencia artificial na detección de desinformación. Do mesmo xeito, presentan tamén diferentes ferramentas e servizos de fact-checking existentes en España e analizan as súas estratexias en redes sociais. O libro afonda así mesmo en prácticas educativas para levar a cabo nas aulas, na existencia de videoxogos que axudan a desenvolver o pensamento crítico, na importancia teñen as “habilidades creativas” neste punto e no labor de difusión orientado a un público novo que se leva a cabo nas universidades. 

Deseño dunha plataforma de verificación

Coa participación de case 20 investigadores e investigadoras de seis universidades, o proxecto no que se insire esta publicación estaba centrado no deseño dunha plataforma semiautomática de verificación de información. O obxectivo, como se explica tamén neste libro, era dar forma a unha plataforma cunha “gobernanza descentralizada”, que permitise, por unha banda, unha verificación de datos automática, a través de ferramentas de intelixencia artificial, e, por outra, conformar unha comunidade de verificadores para aqueles casos nos que o proceso deba realizarse de xeito manual, mediante un “modelo de explotación cooperativa de resultados a través da xeracións de tokens”. Finalizado recentemente, este proxecto de transferencia permitiu nese senso desenvolver "o motor" desta ferramenta, como apunta Rúas, que incide tamén en que “agora hai que enchelo de contidos”. Nese senso, o obxectivo é seguir avanzando no desenvolvemento desta plataforma, coa meta tamén de poder pór en marcha unha spin off vinculada a este proxecto.