DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O almirante José Ángel Sande inaugurou o ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossorio

O mar recompensa todo o amor que o navegante lle entrega

O capitán de navío José Gabriel Martínez Ratero aproveitou o acto para despedirse como director da c

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 29/11/2011

O navegante e o mar deben estar unidos por unha relación de amor e de entrega total xa que só deste xeito o home sobrevivirá ás traizóns do medio. Con esta paixón explicou na inauguración do ciclo de conferencias 2011-2012 da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio o almirante José Ángel Sande Cortizo con que ollos deben ver o mar aquelas persoas que van pasar a vida nun barco. “O mar pide moito de nós e, soamente amándoa, se lle pode entregar todo o que pide, algo que despois recompensa con creces”, sinalou Sande. A conferencia de este martes foi a última presentada por José Gabriel Martínez Ratero, director da cátedra ata o momento que pola súa nova situación de retiro debe abandonar o cargo que a partir de agora será ocupado polo capitán de navío Rafael J.Ceñal Martínez-Hombre que recentemente deixou de exercer como comandante da Marina en Vigo.

Ese sentimento de entrega total do marino ao mar achégalle as competencias suficientes para que poida por en pé o poder naval, “a fonte e o espello ao que os homes de mar libremente nos dedicamos”, explicou o almirante, entendendo como tal non soamente a forza militar, senón tamén a flota e o comercio. Engadiu ademais que a vida nun barco permite que a persoa “sexa ela mesma”, obrigándolle a enfrontarse en soidade aos elementos, pois “vívese en contra deles e grazas a eles”, puntualizou. Para Sande o mar é un inimigo nobre que seguirá intentando influenciar nos sentidos do navegante “co canto das súas sereas”, pero se é quen de manterse á marxe dos seus feitizos “e logra establecer esa relación de amor con el”, non haberá problema e reinará a cordialidade.

O mar na historia

Deixando atrás a parte máis simbólica do mar, o almirante tamén afondou no papel transcendental que xogou nas conquistas e na conservación dos grandes imperios. “Ningunha nación que quixo ser grande se puido esquecer do mar e, todas as que se deron a el foron grandes”, puntualizou. Así, fixo un percorrido pola influencia do poder naval na historia, deténdose especialmente no caso do imperio romano “que converteu ao Mediterráneo na mellor das súas calzadas”. O almirante recomendou ao alumnado da Escola Naval Militar de Marín a lectura do libro Influencia do poder naval na historia, do autor Alfred Mahan, escrito en 1890, “unha obra que contribuíu ao desenvolvemento da mariña estadounidense, mellora que puido comprobar España na guerra de 1898”.

Tamén botou man de datos numéricos para salientar “a grandeza” do mar. Así detallou, por exemplo, que os mares e océanos representan o 70% da superficie do globo terráqueo, que a profundidade máxima do mar supera á altitude máxima do Everest, ou que o tamaño do Pacífico é superior ao das terras emerxidas e á suma do resto dos océanos. “O mar é un todo, que alcanza a todas a terras e pode illar ou comunicar, ser fonte de riqueza ou de esterilidade, amante ou inimigo, un cárcere ou sinónimo de liberdade… todo dependerá da man do home”, concluíu Sande Cortizo.