DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus doou toda a comida aos Pais Franciscanos

O maratón solidario de zumba bate récords con 160 persoas e 200 quilos de alimentos recadados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 21/12/2012

O maratón solidario de exercicio que vén organizando a Vicerreitoría do campus de Pontevedra dende hai oito anos bateu nesta edición récords tanto de asistencia como de recadación. Un total de 160 participantes se congregaron este xoves no Pavillón Universitario cun dobre obxectivo, facer exercicio e axudar aos máis necesitados coa doazón dun quilo de alimentos. Tal foi o compromiso amosado con esta causa solidaria que “moita xente entregou máis dun” xuntando en total 200 quilos que se entregaron este venres ao Comedor Social dos Pais Franciscanos de Pontevedra. “Nestes momentos tan duros, a cidade volcouse co maratón solidario máis que nunca”, describe Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus.

Ana Belén Fernández Souto e Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, fixeron entrega este venres dos 200 quilos de comida recadada ao Comedor Social dos Pais Franciscanos “que se amosaron moi contentos pola doazón xa que están moi desbordados nestes intres”, engade Fernández Souto. Agradecen o compromiso dos e das participantes “que se animaron a facer exercicio de forma solidaria a pesar do mal tempo”, puntualizan.

Nesta nova edición a clásica sesión de aeróbic foi substituída por unha de zumba, unha disciplina de fitness de orixe colombiana que mestura pasos de baile con exercicios aeróbicos ao ritmo de música latinoamericana, impartida por monitoras de tres ximnasios da cidade que acostuman colaborar coa Vicerreitoría. Tras a doazón do quilo de comida, os asistentes gozaron dunha sesión de dúas horas intensivas de exercicio cun quecemento inicial para rematar cuns exercicios de estiramento.

Para manter o ritmo, os participantes recibiron bebidas isotónicas e barras enerxéticas doadas por Gadisa e tamén unha camiseta de agasallo, cortesía de Punto Deporte.