DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu libro 'Jurisdicción e instituciones locales de la Galicia meridional (siglos XVI-XVIII)'

María López mergúllase nas loitas de poder en Ourense e Tui durante a Idade Moderna

A obra amplía e actualiza os estudos publicados ata o momento neste ámbito

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 24/02/2012

A loita polo poder é alto tan antigo coma o ser humano e por este motivo é habitualmente foco de interese para os investigadores nalgunha das súas múltiples vertentes, neste caso desde o punto de vista da historia. María López, profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, vén de debullar na súa última publicación, Jurisdicción e instituciones locales de la Galicia meridional (siglos XVI-XVIII), as loitas de poder entre a monarquía, a iglesia e algunhas familas destacadas en Ourense e Tui ao longo de case tres séculos de historia, durante a Idade Moderna.

A obra foi presentada este venres no Edificio de Facultades coa asistencia de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, ademais da propia autora da obra. Durante o acto, tanto María Lameiras como Beatriz Comendador quixeron destacar a satisfacción que supón para as institucións que representan que unha compañeira publique un traballo destas características, que compendia a investigación realizada durante moitos anos. “Entre outras cousas, é destacable o carácter de excelencia da investigación de María López, buscando sempre a calidade e a realización de traballos xa dun certo nivel e rigor”, apuntou a decana da Facultade de Historia.

Segundo explicou a autora, Jurisdicción e instituciones locales de la Galicia meridional (siglos XVI-XVIII) artella en sete capítulos, cinco deles publicados en anteriores ocasións e dous novos, unha análise “desde o punto de vista institucional e político, da Idade Moderna na cidade e na provincia de Ourense e na cidade de Tui”. A fotografía que se desprende das páxinas desta obra, salienta a autora, non só é válida para achegarse á historia destes territorios. Tamén permite coñecer mellor a evolución do Reino de Galicia e da Coroa de Castela na que se insire históricamente.

Do señorío ao realengo e as súas consecuencias

A publicación describe como Ourense pasou de ser unha cidade de señorío episcopal a unha de realengo, baixo o dominio da monarquía de Felipe IV, e como esa incorporación trouxo consigo continuos conflitos entre a igrexa e o estado e incluso a propia cidade. Unha situación que provocou o incremento das rexidorías dentro da cidade e tamén o aumento da corrupción, “chegando en determinados momentos a ser unha cidade ingobernable”, advirte López. Coa chegada dos Borbóns ao poder intentaríase atallar a situación cunha reforma da administración que conlevou consecuencias como o abandono das rexidorías e dos cargos.

Aínda que se trata dunha obra de carácter especializado e principalmente dirixida ao colectivo investigador, a súa autora salienta a importancia de que esta parte da historia da Galicia meridional e o traballo investigador realizado se divulgue e chegue a outros colectivos, coma os estudantes. “Visibilizar o traballo realizado é un compromiso que como investigadores temos diante da sociedade, das institucións que colaboraron na súa realización e coas persoas que dun xeito ou outro participaron nel”, explicou a autora.