DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inicio do ciclo de conferencias “Escritores na universidade”

María Xosé Queizán afirma que unha literatura feminista é aquela na que a muller é a suxeita do desexo, non a desexada.

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 23/10/2007

A escritora viguesa, Mª Xosé Queizán, fixo, na primeira conferencia do ciclo “Escritores na universidade”,un percorrido histórico polo feminismo aplicado á literatura, partindo de persoeiros como Rosalía, Concepción Areal e Pardo Bazán, que romperon co esquema de mulleres escritoras dando exemplo de virilidade e ás que lles agradeceu que non se travestisen para publicar as súas obras.
En opinión de Queizán, que foi presentada polo profesor Manuel Forcadela, as diferenzas entre homes e mulleres son difíciles de eliminar porque os argumentos son silenciados constantemente, o que obriga ó xénero feminino a repetir, lustro tras lustro, as mesmas reivindicacións. Para esta escritora, “a realidade actual segue sendo que as mulleres sofren acoso sexual, violencia de xénero ou discriminación laboral, entre outros males”.
Dentro deste marco, a súa postura é a de escribir como “unha muller, muller”, entendida como “persoa individual e libre, que escribe dende a súa propia consciencia”. Para isto hai que adoptar unha posición activa, xa que unha literatura feminista é aquela na que a muller é a suxeita do desexo, non a desexada.
Outro dos retos que María Xosé Queizán asumiu desde a publicación da súa primeira novela, “A orella no buraco”, a mediados dos anos 60 é o de modernizar a literatura galega. Para isto encadrouse dentro da “nova narrativa galega”, un movemento caracterizado pola consigna de escribir en galego sobre temas universais, deixando a un lado o sentimentalismo e o ruralismo, constantes da literatura precedente.
O ciclo de conferencias continuará na Facultade de Filoloxía e Tradución no mes de novembro coa presenza de Iolanda Castaño, María de Cebreiro, Fran Alonso e Xosé María Merzada. A organizadora destes coloquios é a “Asociación de Escritores en lingua galega”, que pretende contribuír ó mantemento da lingua e, con estas accións, achega a literatura á comunidade universitaria e ó público en xeral.