DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Xeolodía desenvolverase un percorrido a pé por esta contorma

A marisma da Ramallosa vista con ollos de xeólogo

A excursión, de balde, está aberta a todos os públicos e os expertos desvelarán os secretos que agoc

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/04/2011

A marisma da Ramallosa centralizará o 8 de maio os actos do Día da Xeoloxía, Xeolodía, cun percorrido no que profesores e investigadores da Universidade amosarán a súa riqueza e as súas características a toda a sociedade. En grupos de 25 persoas e en quendas cada 15 minutos dende as 09.30 horas da mañá, a idea é que calquera tipo de persoas poidan achegarse, mediante explicacións e unha linguaxe sinxela, á historia xeolóxica da marisma, a súa formación e as súas especiais características, encadrando nesta explicación dentro dun contexto xeral no que se explicará dun xeito distendido e eminentemente divulgativo a importancia da xeoloxía para comprender a contorna próxima.

Este será o evento central na provincia de Pontevedra dun programa nacional promovido pola Sociedad Geológica de España que ten como finalidade ensinar a ver o mundo con ollos de xeólogo. En Vigo será o profesor Bienvenido Diez Ferrer o encargado de coordinar as actividades, na que participan os grupos XM-1, XM-3 e AAE do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, ademais da Asociación de Oceanógrafos e a Sociedade Mineralóxica Galega, os concellos de Nigrán e Baiona, o Instituto de Estudos Miñoranos, a Asociacións de Comerciantes e Empresarios de Baiona e Auga Sana.

Como é o mundo dende os ollos dun xeólogo?

A finalidade deste programa de actividades é dar a coñecer a profesión de xeólogo a través dunha das súas facetas máis atractivas, a das excursións de campo, “abrindo as portas de entrada ao noso laboratorio habitual, a natureza”, explican os organizadores. Con actividades como este percorrido pola Ramallosa, trátase de facer que todos os cidadáns poidan observar o mundo dende os ollos dun xeólogo, para entender onde se asentan as vilas e cidades nas que vivimos, entendendo os efectos que teñen na superficie algúns dos procesos do planeta. Ademais permitirá coñecer o patrimonio xeolóxico e tomar conciencia na necesidade de protexelo. O Xeolodía busca así tamén amosar á sociedade esta profesión, amosar o seu labor e fomentar as vocacións científicas entre os mozos e mozas.

Para isto, os interesados percorrerán a marisma durante unha hora e media para coñecer as rocas, como se modelou a paisaxe, como inflúe a xeodiversidade na biodiversidade, os riscos xeolóxicos como terremotos ou inundacións, os recursos naturais ou os efectos da inmensa fonte de calor que é a Terra.

Transcorrer da visita

A idea que desenvolver visitas informais e lúdicas pero tamén intelixibles, xa que está dirixida a públicos de todos os niveis sen unha formación previa precisa. Ademais, serán expertos e profesionais da xeoloxía os que guíen a visita e ofrezan as informacións precisas sobre a marisma da Ramallosa, un Espazo Natural Protexido, de 92 hectáreas de extensión, que inclúe a praia da Ladeira, as súas dunas e barras de area e parte das marismas do Río Miñor, constituíndo un ecosistema natural privilexiado.

As prazas son limitadas nesta primeira vez que a provincia de Pontevedra, da man da Universidade, se une ao Xeolodía. O prazo de matrícula permanecerá aberto dende hoxe día 25 de abril e ata 5 de maio no número 986813482 de 10.00 a 14.00 horas e na web http://oceanografosgalicia.org/