DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo e o Colexio de Avogados de Ourense asinaron un convenio para ofrecer esta tit

O Máster en Avogacía une a docentes e profesionais para unha mellor formación dos graduados

Estes estudos serán requisito, xunto a un exame estatal, para o exercicio profesional no eido xurídi

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 16/05/2012

Ata o de agora os estudantes de Dereito ao rematar a súa titulación só precisaban colexiarse para exercer. Debido á reforma do EEES, os universitarios que rematen os seus estudos de grao antes de poder traballar como avogados ou procuradores, deberán realizar un mestrado cunhas determinadas características. Para dar resposta a esta necesidade do alumnado, a Universidade de Vigo e o Colexio de Avogados de Ourense veñen de asinar un convenio de colaboración académica que permitirá o vindeiro curso impartir no campus ourensán o Máster Universitario en Avogacía.

“Coa sinatura deste convenio dá os seus froitos dous anos de traballo entre as dúas institucións e póñense en marcha uns estudos que permitirán harmonizar o mundo académico co laboral para ofrecer ao alumnado unha formación de excelencia, non só académica senón tamén profesional”. Deste xeito resúmía Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a relevancia deste acordo, asinado con Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense, e a ante a presenza de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, e Marcos Vázquez, director da Escola de Práctica Xurídica Pérez Ávila do Colexio de Avogados ourensán.

Segundo salientou o decano do Colexio de Avogados de Ourense, o mestrado que se impartirá o vindeiro curso no campus terá unha carga de 90 créditos ECTS, 60 créditos de formación impartidos ao 50% por docentes e por profesionais, e 30 créditos de prácticas externas, facendo fincapé nelas na participación non só de avogados senón tamén de xuíces, fiscais ou forenses, entre outros colectivos. Con este deseño curricular e tal e como comentou Marcos Vázquez , coa posta en marcha destes estudos dáse resposta ás esixencias da Lei 34/2006 do 30 de outubro, de acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, que “para garantir a preparación dos avogados que entran na profesión” pídelles, tras a realización do grao, a obtención dun mestrado de especialización cun forte carácter profesionalizante e a realización posterior dun exeme estatal.

Unha visión real da profesión

“Con estes estudos culmina unha antiga aspiración da avogacía e ábrese un importante camiño a desenvolver que estou seguro vai ser moi frutífero pois permitirá que os avogados de Ourense sexan, cando menos, dos mellores formados de Galicia”, apuntou Arturo González. Unhas expectativas de futuro compartidas polo reitor da Universidade de Vigo que, engadiu, “o Máster en Avogacía dará aos estudantes unha visión máis real do que será a súa profesión e lles dará mellores e maiores instrumentos para orientar o seu futuro”.

Na posta en marcha deste mestrado, Salustiano Mato quixo destacar “o traballo realizado pola Facultade de Dereito de Ourense, que se soubo anticipar aos tempos” e iniciar o deseño da proposta destes estudos co tempo suficiente para poder comezar o vindeiro curso, dando resposta ás necesidades dos primeiros estudantes que rematen o grao de Dereito. “Ademais de capacitar aos estudantes para o exercicio profesional, trátase dun mestrado xurídico que pode ser interesante de realizar para as persoas que, non tendo necesidade de obtelo, si desexan ampliar a súa formación ou volver ao ámbito universitario”, recalcou Miguel Ángel Michinel.

De xeito homólogo ao convenio asinado este mércores co Colexio de Avogados de Ourense, a Universidade de Vigo vén de asinar un convenio co Colexio de Avogados de Vigo e fará o mesmo co de Pontevedra, co obxectivo de, nos tres campus universitarios, dar resposta ás esixencias formativas dos futuros profesionais.