DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a única titulación en Galicia que conta con esta acreditación e unha das poucas a nivel nacional

O Máster en Enxeñaría Industrial renova o prestixioso selo internacional ABET

Homologa o proceso formativo desta titulación da EEI coas mellores universidades do mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/10/2023

O Máster en Enxeñaría Industrial, titulación que habilita para o exercicio da profesión de enxeñeira e enxeñeiro industrial, acaba de renovar o prestixioso selo internacional ABET concedido pola Accreditation Board for Engineering and Technology, organización estadounidense sen ánimo de lucro formada por máis de trinta sociedades profesionais, recoñecida como líder mundial na garantía da calidade dos plans de estudo das titulacións relacionadas coa enxeñaría e a tecnoloxía. “No curso 2017-2018 foi un gran fito obter este selo de recoñecido prestixio a nivel mundial dentro dos estudos de enxeñaría. Agora, seis anos máis tarde, tivemos que superar un novo proceso e a verdade é que todo foi moi ben e o proceso superouse con mellor valoración que na primeira ocasión, non podemos pedir máis”, explica satisfeito o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan E. Pardo Froján.

Este prestixioso selo de calidade garante unha formación académica completa, actualizada e que se adapta ás demandas actuais do mercado laboral, facilitándolle aos seus egresados e egresadas o acceso ao mercado laboral internacional, ao tempo que homologa a formación impartida na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo coas mellores escolas de enxeñaría do mundo (Cornell, Stanford, MIT, Tecnológico de Monterrey...). A nivel galego este mestrado é a única titulación que conta con esta acreditación e unha das poucas a nivel nacional, pois a día de hoxe en España só contan con esta acreditación algúns títulos das politécnicas de Madrid e Valencia e a Universtat Ramón Llull.

Importante aval internacional para a EEI

O proceso de acreditación arrancou o pasado mes de xaneiro e foi “longo e minucioso”, apunta o director da escola, quen subliña que se trata dunha “aposta estratéxica moi potente”, pero con resultados moi importantes para o centro xa que o selo garante que se compren os estándares necesarios para garantir que as persoas graduadas están perfectamente preparadas para incorporarse a áreas que lideran a innovación e as tecnoloxías emerxentes, en definitiva, un aval internacional de que o alumnado recibe unha educación de máxima calidade.

Este proceso obrigou aos responsables desta titulación a someterse a avaliacións periódicas exhaustivas realizadas por equipos de profesionais voluntarios que traballan en distintos sectores da industria, a administración e a universidade. Ademais, céntrase na revisión do plan de estudos, a calidade do profesorado, as instalacións e outras áreas importantes a partir da autoavaliación e elaboración dun informe detallado por parte da entidade, que no caso da Escola de Enxeñería Industrial, remitiuse a ABET hai xa varios meses. Esta información foi analizada e contrastada nunha visita dos avaliadores de ABET na que comprobaron as instalacións e a veracidade da información achegada sobre este mestrado.