DUVI

Diario da Universidade de Vigo

28 novos estudantes incorpóranse a este mestrado da Universidade de Vigo

O Máster en Información Técnica do Medicamento consolídase na súa segunda edición

Dous posgraduados recollen en representación da primeira promoción o título destes estudos virtuais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/10/2011
Un mestrado que se adapta ás esixencias do mercado dun determinado perfil profesional pero tamén ás novas necesidades de formación flexible da poboación. Estas son, xunto á calidade docente, as bazas que segundo os seus responsables permiten ao Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento consolidarse este curso dentro da oferta de mestrados da Universidade de Vigo. 28 novos alumnos incorpóranse agora á segunda edición deste posgrao virtual, destinado a formar visitadores médicos, e súmanse aos 15 que realizarán este ano o traballo de fin de mestrado para rematar os seus estudos.

Este venres celebrouse na Facultade de Dereito de Ourense o acto simbólico de graduación da súa primeira promoción e a inauguración da súa segunda edición, coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Inés Iglesias Canle, coordinadora do mestrado; Alberto Vaquero, director adxunto do mestrado; Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito; e Óscar Rilo, presidente da Confederación Española de Asociacións Profesionais de Visitadores Médicos CEATIMEF, desculpando a súa presenza Lide Verdugo, directora para España dos laboratorios farmacéuticos Takeda- Nycomed Pharmaceuticals.

Un traballo de todos

“Neste mestrado é necesario salientar o esforzo a maiores que supón ser un mestrado virtual e non presencial, con alumnado de toda a xeografía española”, salientou durante a súa intervención María Lameiras, que quixo destacar o traballo dos seus responsables e a colaboración de diferentes entidades para sacar adiante esta iniciativa, organizada pola Facultade de Dereito de Ourense en colaboración coa Confederación Española de Asociacións Profesionais de Visitadores Médicos.

“Esta segunda edición do máster que presentamos hoxe supón recoller os froitos dun traballo que é de todos”, dixo Inés Iglesias Canle, que ademais das persoas e entidades que actualmente colaboran no mestrado quixo salientar o papel impulsor do anterior decano da Facultade de Dereito, Pedro Rabanal. Un traballo destacado tamén por Miguel Michinel, que fixo fincapé no carácter virtual destes estudos como unha das súas claves de éxito. “Este título oficial é unha oferta única e pioneira a nivel estatal e comunitario, mirándonos moitas asociacións europeas con envexa sa”, engadiu o presidente de CEATIMEF.

Alto nivel de satisfacción

Segundo explicou Alberto Vaquero, este curso matriculáronse no mestrado 28 novos estudantes, que se suman aos 15 dos 45 que comezaron o pasado curso e que seguirán nesta edición realizando o traballo de fin de mestrado. Precisamente no acto de presentación da nova edición, os estudantes do mestrado Paula del Río e Celso Contreras recolleron os seus diplomas de fin de estudos en representación da primeira promoción que realizou este posgrao virtual. Unha primeira promoción que segundo explicou Alberto Vaquero destaca pola súa diversidade xeográfica, xa que a metade dos estudantes proceden de fóra de Galicia e de diferentes puntos da xeografía española, cun 85% de graduados de titulacións como Medicina, Farmacia e Bioloxía e que remataron os seus estudos cun elevado grao de satisfacción en todos os aspectos.