DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo docente destaca as altas cualificacións do alumnado deste curso 2011-2012

O Máster de Investigación en Comunicación afiánzase coa III promoción

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 20/06/2012

O Máster de Investigación en Comunicación pecha a súa terceira edición cunha promoción de alumnos e alumnas que obtivo “as máis altas cualificacións” nos seus traballos finais outorgadas polos tribunais avaliadores. Este mestrado, coordinado pola profesora Mercedes Román e que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ábrelle as portas aos novos titulados ao período de doutoramento no que se poderán matricular no vindeiro curso académico podendo afondar e ampliar os estudos científicos que comezaron nesta primeira etapa investigadora.

Como explica o profesor Fernando Ramos, os traballos finais entregados neste curso abordaron todos os aspectos da comunicación “con enorme rigor científico” e incidiron en aspectos tan diversos como o tratamento dos contidos da prensa deportiva; o humorismo gráfico na prensa galega; o protocolo comparado entre repúblicas e monarquías; as novas aplicacións tecnolóxicas no eido da comunicación; a imaxe das institucións ou o xornalismo gráfico, entre outros. Estes proxectos de investigación, tutelados por un profesor do mestrado, “esixiron moitos meses de traballo ademais de que foron presentados baixo estritas normas de contido e defendidos en público ante os tribunais”, aclara o profesor Ramos.

Nesta terceira edición, o mestrado contou cun persoal docente composto, ademais de por investigadores da propia Universidade de Vigo, “por algúns dos máis reputados expertos en comunicación doutras universidades españolas e estranxeiras cuxas achegas contribúen ao interese e ao éxito destes estudos que enfilan a súa cuarta edición”.