DUVI

Diario da Universidade de Vigo

IX Foro de Interacción Matemática Industria, organizado por ITMATI

As matemáticas agóchanse en cada recuncho do mundo

Dende predición de sinistralidade ata estudos epidemiolóxicos, son moitos os sectores aos que achega

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 31/05/2013

É unha das materias consideradas máis difíciles, sen embargo non hai ningún elemento da vida cotiá no que non se agochen e problema que non poidan solucionar, sobre todo cando se fala de matemáticas aplicadas á industria. Iso é precisamente o que se quere visibilizar co IX Foro de Interacción Matemática Industria organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), un “espazo de intersección de sociedade, industria, ciencia e técnica coa matemática” que trata de darlle ao sector empresarial e industrial a oportunidade de formular aos investigadores aquelas necesidades relacionadas coa simulación numérica, a estatística ou a investigación operativa.

O foro, celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación “serve de escaparate para coñecernos todos, para que poidamos ver ao que eles lles interesa á vez que lle ofrecemos os nosos servizos, para que vexan que os grupos de investigación das universidades estamos aquí para axudarlles”, como explicou José Durany, un dos principais impulsores da iniciativa e membro do comité organizador.

100 empresas como colaboradoras asiduas

Aínda que este se trata do noveno foro, o primeiro dende a constitución oficial de ITMATI, os grupos de investigación levan máis de 20 anos colaborando cóbado a cóbado coa industria, polo que xa teñen case 100 empresas que colaboran asiduamente e unha longa lista de éxitos. Así, por exemplo, o grupo MODES desenvolveu unha aplicación informática específica para a sección de seguros de Inditex, que necesitaba un método de predición de sinistralidade que establece o custe laboral destes sinistros nun período de tempo determinado e que facilite a toma de decisións sobre a súa política aseguradora.

Pero a variedade de “problemas” é moi ampla e hai moitos sectores nos que “facer experimentación real en laboratorio é moi caro, a veces incluso imposible”. É o que ocorre cos accidentes en centrais nucleares, onde a simulación numérica permite “modelizar os fenómenos físicos e dar unha idea do que pode pasar. Ademais, agora a informática é moi barata, o que permite facer estudos rápidos e con custes reducidos”.

Os grupos de investigación de ITMATI tamén participan en proxectos como a análise para a empresa viguesa Umana Innova S.L. da térmica do pé humano baixo diferentes condicións ambientais e propiedades téxtiles de media e zapato que o envolven, con gran interese para a industria do calzado deportivo; a simulación numérica da termohidrodinámica de coxinetes axiais e radicais lubricados con auga mariña en sistemas de propulsión de buques para Baliño S.L; o deseño e funcionamento de fornos de indución para fundir silicio para a metalúrxica Ferroatlántica I+D; a elaboración do software libre EPIDAT para o Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde da Xunta para estudos da exposición de factores de risco e enfermidade, entre outros…

Un exemplo de colaboración

ITMATI é un proxecto promovido por 9 grupos de investigación en Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas baixo o paraugas administrativo do Cesga que busca promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas da empresas, industria e administración pública. “Foi un camiño moi longo, realizaron un esforzo tremendo para chegar ata aquí, e non foi doado”, explicou José Antonio Vilá, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo, para quen ese transvase de saber é “fundamental na época que vivimos”.

Consideradas como “unha ciencia clave no desenvolvemento do mundo”, segundo o vicerreitor da Universidade de Santiago, Francisco González, o Instituto Tecnolóxico é “un exemplo magnífico do que temos que facer nas tres universidades, colaborar e demostrarlle á sociedade quen non só somos útiles, senón absolutamente necesarios”, puntualizou Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial.

No mesmo sentido apuntou Ricardo Cao, vicerreitor da Universidade de A Coruña e membro do equipo promotor de ITMATI, “unha ferramenta fundamental para levalo a cabo. Ten un porvir magnífico a pesar dos malos tempos e é un exemplo de cooperación entre universidades”. Para Edita de Lorenzo, directora da EE de Telecomunicación, “os tempos de crise axudan a sacar de nos o mellor, polo que é bo momento para comezar cousas novas”.

Coa misión de contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade na contorna industrial e empresarial e apoiar a innovación no sector, o foro desenvolvido hoxe tamén é un recoñecemento a que “é imposible ter un mundo tecnificado como o noso sen as matemáticas, algo que é de valorar que se visibilice neste evento”, subliñou Benito Vázquez, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas.