DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Materializando oito anos de traballo

A Fundación Laxeiro acolle o proxecto de investigación de sete artistas das universidades de Vigo e

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 10/02/2011

Sen definición previa, senón dándolle forma a medida que se vai creando a propia obra. Materialización supón o colofón final do proxecto de investigación de sete artistas das universidades de Vigo e o País Vasco, oito anos de traballo “intenso” en equipo arredor da idea de pensamento, creación e materialización que toman forma a modo de exposición na Fundación Laxeiro. “Dáselle cabida á investigación de expresións artísticas cun claro aspecto experimental que ofrece diferentes puntos de vista da resistencia en contestación ao momento histórico no que vivimos, no que prevalece o pensamento único”, explicou Javier Pérez Buján, director artístico da fundación.

Vídeo, fotografía, escultura e debuxo fusiónanse para formar unha mostra cunha ducia de pezas na que se antepón o “ben común” para formar un espazo harmonioso. “Dá paso a unha nova masa crítica de investigación con proxectos máis competitivos non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional. Síntome orgullosa do seu traballo”, subliñou Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra. A montaxe tamén forma parte da mostra, xa que é fundamental tanto casar o discurso persoal dos artistas como “xerar un diálogo entre as obras do que todas saian potenciadas”, explicou Elena Mendizábal, que xunto a Mónica Ortúzar, Pello Mitxelena, Ana Gesto, Sol Alonso, Ignacio Barcia e Pablo Huertas conforman o equipo de investigación.

Posta en común on line

Partindo dunha investigación teórico-práctica, a discusión entre os sete membros do grupo para definir o que é resistencia deu paso a centrarse nos procesos de materialización do que eles consideran unha resposta á tendencia de "uniformización do pensamento nunha sociedade dominada pola economía global que soe xerar contidos baleiros", convertibles de xeito doado en mercadoría. Uns en Vigo e outros no País Vasco, o debate xerábase de xeito fluído vía e-mail, teléfono ou con dinámicas de interacción a través dun blog e unha web.

O proceso creativo convértese nun elemento liberador para creador e espectador dese xeito ríxido de ver as cousas e en elemento transmisor dunha cadea de resistencia que se instala na cidadanía e achega alternativas a unha noción de identidade na que existimos en tanto que consumimos. “Dende esa heteroxeneidade de linguaxes suxírense ao espectador camiños para a reflexión, xa que se a obra non é recoñecida polo público nin é arte nin perdura, cae no esquecemento”, asegurou Mónica Ortúzar.

Unha invitación a reflexionar sobre o pensamento uniforme que predomina na sociedade actual que estará a disposición do público dende este venres 11 de febreiro ata o vindeiro 15 de maio.