DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cuarta edición da mostra ‘Afinidades Selectivas’

A maxia das sinerxías déixanse sentir na Casa Galega da Cultura

Seis artistas expoñen medio cento de obras realizadas con un amplo abano de técnicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 03/06/2011

Unha atracción imperativa e misteriosa que empuxa a algúns minerais a unirse e a repelerse outros, unha afinidade electiva como a chamou Goethe á que por cuarto ano consecutivo se lle engade unha ese porque neste xogo multibanda houbo un proceso previo de selección no que se escolleron a artistas da Facultade de Belas Artes cun obxectivo en común: "deixar sentir a arte". Dende hoxe e ata o vindeiro 17 de xullo a Casa Galega da Cultura acollerá a mostra Afinidades Selectivas 4, comisariada por María Luisa Fernández Oliveira e que recolle medio cento de obras que funcionan como imáns unhas doutras e realizadas cun amplo abano de técnicas. "A arte pertence a un mundo denso, case máxico, un campo moi procesual no que non se sabe moi ben como vai a acabar o proxecto. Pero o máis salientable é que son artistas que participan do xeito máis desinteresado posible, veteranos e mozos que traballan con entrega", explicou a comisaria.

Pintura, debuxos, collage, papel, escultura e vídeos conforman una exposición que nesta ocasión protagonizan Fernando Casás, Vanesa Díaz, Amaya González Reyes, Juan Luis Moraza, Antía Sánchez e Víctor Ulla nunha interrelación entre autores na que se fusionan puntos de vista creativos complementarios, afinidades buscadas de xeito premeditado por todos os participantes. Catro anos consecutivos amosando "proxectos de sinerxías intelixentes que demostran a vitalidade e o dinamismo dos estudos impartidos na Universidade. Son ideas, proxectos e soños nos que a experiencia mestúrase con artistas emerxentes para demostrar que a arte galega ten futuro", asegurou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria. Unha mostra para todos os públicos na que se mestura a reciclaxe artística dos docentes coa frescura dos máis novos.

Catro anos de traballo duro

Xunto coas obras, a verdadeira protagonista desta exposición é a interrelación entre os autores, que se buscan uns a outros nun contecto creativo predisposto a saír da soidade dos seus estudos para convertir a Casa Galega da Cultura nun escenario creativo común no que todo ten cabida. Un proxecto expositivo anual que naceu no 2007 e que confirma a complicidade que existe entre a Universidade de Vigo e o Concello. "Esta nova proposta achéganos a tres creadores e tres creadoras que presentan un traballo de gran calidade, arriscado e valente, cargado de forza e frescura", subliñou Xesús López, concelleiro de Cultura en funcións e que deixará o posto a vindeira semana.

A modo de despedida o vicerreitor de Extensión Universitaria quixo dedicarlle unhas palabras para salientar o intenso traballo e esforzo feito no eido da cultura e a estreita colaboración nos últimos catro anos coa Universidade viguesa, dando pé a exposicións como a de Afinidades Selectivas ou á de Esdemga, que recolle os deseños de parte do alumnado máis destacado dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda. "É moi importante que iniciativas como esta perduren no tempo e que se repitan. Con este xa son catro anos de afinidade entre docentes e estudantado con mostras que resumen un complexo proceso de elección nas que é fundamental a atracción entre os seus traballos como artistas", recordou María Luisa Fernández Oliveira.