DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máxima igualdade a falta dunha xornada para finalizar a Liga Galega

O Universidade de Vigo impúxose ao Karpov A, 4-2, e segue segundo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 21/03/2011
Unha xornada máis o Universidade de Vigo cumpriu co guión e logrou o triunfo, 4-2, no encontro que o mediu ao Karpov A, pero mantense segundo na clasificación. O Círculo Ferrolano A, cos seus 41 puntos, lidera a Liga Galega, deixando todo sen decidir de cara á última xornada na que os vigueses se medirán ao Recatelo, un dos equipos que loita por eludir o descenso. O certo é que este posto xa lles permite xogar a final a catro que decidirá ao Campión Galego do 2011, pero unha mellor clasificación daríalles vantaxe en caso de empate nesa fase.

Na xornada desta fin de semana os Mestes Internacionais volveron demostrar a seguridade que lle dan ao equipo, xa que tanto Diego Guerra como Pablo García acadaron sendas vitorias sen apenas complicacións. Pola súa banda, Miguel Senlle confirmouse como unha aposta sólida, aínda que firmou táboas, ao igual que Daniel Rivera. “O de Senlle, a súa seguridade, sorprendeunos a todos. Pese a xogar no primeiro taboleiro ten controladas as partidas. Está xogando moi rápido e ben”, salienta García, o capitán do equipo. Mentres, Samuel Villar, cando xa se atopaba nunha posición de táboas teóricas, viu como o seu rival esgotaba o tempo do seu reloxo e perdía a partida. A única derrota da xornada foi a de Francisco Carrera, que non soubo rematar ante Alberto Eyo. O curioso é que Eyo estuda na Universidade de Vigo e acadou o terceiro posto para a institución no Campionato Galego Universitario celebrado en Santiago de Compostela o pasado día 15 de marzo.

Final a catro

Agora na mente de todos está a final a catro que se disputará unha vez finalice a temporada regular. Pablo García, recoñece que a liga “está moi interesante”. Os últimos anos o Universidade acadou o primeiro posto sen problemas, grazas aos avultados resultados obtidos nos seus encontros pero, esta vez, co club realizando unha clara aposta pola canteira, “somos o equipo máis regular, porque somos os únicos invictos”, aínda que cunhas vitorias máis axustadas. De todos modos, o capitán recoñece que “seguimos sendo favoritos” de cara ao título de Campión Galego. Por iso, o obxectivo co que chegan á última xornada da liga é “estar por diante do Marcote”, o seu principal rival.