DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 alumnas e 12 alumnos acadaron 18 metais nos campionatos de España universitarios

O medalleiro da Universidade de Vigo nos CEU ten nome de muller 

As e os deportistas foron recibidos hoxe polo reitor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Igualdade
  • Premios
  • Reitor
  • Deportes
Mª del Camen Echevarría / M. Del Río DUVI 15/05/2019

18 medallas (sete ouros, cinco pratas e seis bronces) é a recompensa acadada polas 24 alumnas e 12 alumnos que representaron á Universidade de Vigo nos campionatos de España universitarios. Este ano 2019 foron as mulleres as que maior número de metais conseguiron para a institución viguesa, concretamente nove en deportes individuais (natación; esgrima; loita; atletismo e taekwondo) e outras tres por equipos (balonmán; loita e vela), e ás que se engaden as seis conseguidas polos deportistas en modalidades individuais (bádminton; loita; atletismo; taekwondo e judo) e ás dúas por equipos (loita e vela). As e os deportistas que lograron medallas nos CEU 2019 foron recibidos hoxe polo reitor, nun acto celebrado no campus de Vigo e no que Manuel Reigosa recoñeceu o esforzo “non só das persoas que acadaron medalla, senón de todas aquelas que representaron á nosa universidade, aínda que se hai medallas moito mellor”, dixo o reitor. Na súa intervención, Reigosa reivindicou a importancia da práctica deportiva como parte da formación integral das e dos estudantes universitarios e agradeceu o traballo desenvolvido polos técnicos do Servizo de Deportes, así como das federacións e clubs, que fixo posible acadar a case vintena de medallas conseguidas nos CEU deste ano.

Beatriz Gómez, ouro en natación 200 estilos; Xiana Pérez, bronce en florete; Noelia Lalín, ouro en loita -75Kg; Nerea Pampín, prata en loita -75Kg; Cristina Alves, prata en loita – 51 Kg; Raquel Meaños, ouro en atletismo en 800 ml; Leticia Fernández, prata en atletismo 1500 ml e Laura Vázquez, ouro en taekwondo poomsae parella mixta, son os nomes propios das medallistas individuais da Universidade de Vigo nos CEU 2019. A eles cómpre engadir os das integrantes do equipo de balonmán feminino, que acadou a medalla de ouro: Carla Abad, Carla Caride, Laura Carracedo, Alba Corredoira, Sara Carril, Xeila Fervenza, Carmen García, Covadonga López, Inés López, Lara Patiño, María Pexegueiro, Laura Rúa, Tamara Seijas e Mónica Sineiro; os do equipo de loita olímpica, medalla de prata, integrado por Nerea Pampín, Cristina Alves, Noelia Lalín, Iván Mella, Pablo García e Iván González e o do equipo de vela, medalla de bronce, formado por por Paula González, Rodrigo Rodríguez, Kevin Figueiras, Alberto Basadre e Gonzalo Martínez. 

Pola súa banda, o palmarés masculino de medallas individuais complétase co ouro en loita  -80Kg de Pablo García; o ouro en taekwondo pommsae individual de Alejandro Losada; a prata en bádminton de Manuel Brea; o bronce en martelo de Sergio Paredes e os bronces en judo – 90 kg e tamén – 100 kg, de Brais Pereira e Anxo Fernández, respectivamente.

Bea Gómez, un ouro que acrecenta as expectativas de acudir a Tokio 2020

Nun ano de cambios, no que regresou a Pontevedra tras case un lustro fóra, e no que empezou a cursar o Grao en Enxeñaría Biomédica, Bea Gómez gañou a medalla de ouro en 200 estilos no CEU de natación celebrado en Castellón. Este éxito, sumado ao cuarto posto conseguido no Campionato España, que tivo lugar hai un mes, “adestrando case nada, unha hora ao día”, levaron á nadadora a pensar na posibilidade de poñerse a traballar para acadar a clasificación para as vindeiras Olimpíadas, “como se fose unha última oportunidade para repetir á experiencia”, explica Gómez. Unha posibilidade que, non obstante, sinala a nadadora, a obrigaría a rebaixar a súa dedicación actual aos estudos para dispoñer de máis tempo para adestrar. “Gustaríame que a Universidade puidera axudarme. Pensei en coller menos materias, poder non asistir ás clases teóricas presenciais e así poder aumentar progresivamente o nivel deportivo e acadar os resultados para poder clasificarme para Tokio 2020, porque penso que podo estar aí”, detalla Bea Gómez.

A nadadora, que comezou a cursar Enxeñaría Biomédica tras serlle denegado o traslado para continuar estudando o Grao en Fisioterapia, asegura que decidiu matricularse en enxeñaría por que “sempre de gustaron os números. Pero aínda que me gustan o retos, empecei despois de seis anos sen ver números e o primeiro día de clase era chino e pensei: onde me metín?”, lembra sobre un primeiro cuadrimestre, que cualifica de caos, pero que logo foi quen de mellorar, ata acadar unha rutina “que me permite organizarme mellor co estudo”. Sobre os éxitos acadados nestes CEU polas alumnas da Universidade de Vigo, Bea Gómez asegura que “non só na Universidade hai máis medallas de mulleres que de homes, tamén nas últimas Olimpíadas. Eu non digo nada, pero aí estamos”.

Ouro en balonmán: un muro en defensa, que correu como se non houbese un mañá 

Que procedesen cada unha dun club diferente e non adestrasen xuntas, non impediu ao equipo de balonmán feminino da Universidade de Vigo acadar a medalla de ouro, nunha competición na que se mediron a equipos habituados a xogar e competir xuntos. Así ocorreu en varios partidos da competición e tamén na final, na que se enfrontaron á Universidade de Valencia, á que venceron por 23-26. É por iso que “esta medalla de ouro sabe a gloria. É un sono feito realidade para nós que iamos de tapadas fronte a universidades que son equipos durante a liga regular, mentres nós somos cada unha dun club”, explica Laura Rúa, capitana do equipo. Ter o obxectivo común de xogar un campionato, considera Laura, que foi un elemento determinante no éxito dun equipo novo, afeito ao ritmo das competicións nas que participan cos seus respectivos clubs, pero que sobre todo, no CEU “foi un muro en defensa e correu como se non houbese un mañá”.

Laura, que cursa o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, incide na dificultade de compatibilizar estudos e práctica deportiva, aínda que asegura que “se te gusta, sacas tempo”, e amósase moi satisfeita dos éxitos acadados polas alumnas da Universidade de Vigo e polas deportistas en xeral, “o deporte feminino está collendo velocidade, estamos en auxe”, afirma.