DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será no XLIX Curso de Saúde Ambiental, que se celebrará na Cañiza

O medio ambiente como xerador de emprego, a análise

O seu obxectivo é avanzar na xestión neste eido e no papel dos seus profesionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 31/10/2011
“O medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación”. Este é tema escollido para celebrar o XLIX Curso de Saúde Ambiental, unha cita de referencia do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2012 que este ano se celebrará do 23 ao 25 de novembro de 2011 no Concello pontevedrés da Cañiza. Destacados expertos neste eido afondarán en diferentes aspectos de actualidade na materia co obxectivo último de avanzar na mellora da xestión dos recursos naturais e no papel dos profesionais do sector.

O XLIX Curso de Saúde Ambiental, dirixido por Francisco Peña e organizado coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, ten como obxectivo actualizar a formación dos técnicos de medio ambiente e saúdo e adecuala ás esixencias que demanda a sociedade actual. Tamén quere establecer un foro de debate e estudo da situación ecolóxica da Comarca da Paradanta, dos seus problemas e carencias máis importantes, así como buscar posibles solucións que se poidan adoptar.

A iniciativa será inaugurada o día 23 de novembro por Miguel Domínguez, alcalde-presidente do Concello da Cañiza; Justo de Benito, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia; María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Luis Lamas, presidente de Sogama; Henry Laiño, director territorial de Aquagest en Galicia; Francisco Caamaño, delegado de Iberdrola en Galicia; e representante de Novacaixagalicia.

Tres días de traballo

Tras esta inauguración comezarán tres días de conferencias a cargo de destacados expertos entre os que estará o profesor e director do Máster Universitario en Dereito Urbanístico e Medio Ambiente da Universidade de Vigo Rafael Fernández Acevedo, que moderará unha mesa sobre A xestión sostible dos recursos naturais como factor de desenvolvemento socioeconómico e de benestar social. Alén das conferencias e mesas redondas, no programa destaca a realización visitas prácticas para coñecer diferentes espazos da zona da Cañiza.

O prazo para inscribirse neste curso xa está aberto, estando o seu programa especialmente deseñado para persoal das administracións e empresas, docentes e estudantado de áreas vinculadas co medio ambiente, os recursos naturais e o desenvolvemento sostible. Para os que desexen participar, os organizadores salientan que ofrecen 40 bolsas para que determinados colectivos queden exentos do pago da matrícula.