DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha acción formativa Jean Monnet que se desenvolverá ata o 5 de maio

Medio centenar de estudantes de diferentes graos afondan na política ambiental europea

As sesións arrancaron este venres cun achegamento á gobernanza global neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 24/02/2023

Desde este venres e ata o 5 de maio, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle a celebración da acción formativa Jean Monnet O Pacto Verde Europeo. Análise e perspectivas. 54 persoas, principalmente estudantes de diferentes disciplinas, participan de xeito presencial ou virtual nesta iniciativa, que ten como obxectivo dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco deste pacto que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos vindeiros anos.

Transición e estratexia

A actividade, que celebra a súa segunda edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola mesma profesora. Concretamente, o curso agora iniciado, do que se celebrarán en total tres edicións en anos consecutivos (2022, 2023 e 2024), constitúe a actividade formativa principal ofrecida por este módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico. “Tanto a primeira edición desta formación como a segunda que agora comezamos tiveron moi boa acollida. Sempre é un reto impartir algo desde un punto de vista xurídico para un público tan variado como o que temos en cada edición deste curso”, comenta Laura Movilla. O perfil das persoas matriculadas, indica, caracterízase pola súa diversidade, destacando en todo caso a participación de alumnado das facultades de Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias.

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019 e analizado nesta actividade, explican desde a organización do curso, representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén pretende, engaden, protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente. “Esta transición debe ser, ademais, xusta e inclusiva”, afirma Laura Movilla, que lembra como esta estratexia está en evolución e non resulta allea ao impacto da pandemia da covid-19 ou ao conflito en Ucraína.

Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizarán neste curso os principais contidos deste pacto. Laura Movilla foi a encargada este venres de ofrecer a primeira destas sesións. Na súa intervención ofreceu ao público asistente, tanto de xeito presencial como a través do Campus Remoto da UVigo, unha visión “introdutoria sobre como funciona a gobernanza ambiental global, cales son os seus principais actores, que instrumentos hai, que normas e como se adoptan, as diferenzas entre elas...”. A profesora explicou como evolucionou ao longo do tempo esta gobernanza, de como se pasou de preocupacións máis conservacionistas e de contaminación a un desenvolvemento sostible. Igualmente abordou “os temas candentes na actualidade, na tripla emerxencia ambiental global: cambio climático, diversidade e contaminación”.  

Dez sesións

Tras esta introdución á axenda global de medio ambiente e a sostibilidade, a programación seguirá con outras nove sesións sobre a política e dereito ambiental na Unión Europea, o Pacto Verde Europeo, a política de augas da UE e a paisaxe, a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario, as enerxías limpas e mobilidade, construción e renovación sostibles. Tamén haberá tempo para achegarse a este pacto en relación coa política marítima integrada da UE, ao reto dunha UE climaticamente neutra en 2050 e a loita contra a contaminación e fomento da economía circular. As persoas  inscritas tamén terán a oportunidade de abordar desde diferentes disciplinas este documento e o papel da UE como líder ambiental global. As conferencias correrán a cargo de especialistas de diferentes áreas (principalmente do dereito pero tamén da economía, a historia e a ecoloxía), procedentes das universidades de Vigo (Laura Movilla, Roberto O. Bustillo, Annina Burgin, Belén Sánchez, Luís Domínguez, Emilio Fernández e Alberto Vaquero), Murcia (Teresa M. Navarro), Valladolid (Sara García) e Barcelona (Mar Campins).