DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os relatores achegaron os detalles dos seus proxectos nos eidos industrial e sanitario

Medio cento de estudantes e egresados de Enxeñería Industrial participaron na IV edición do Mei Day 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
DUVI 02/12/2022

Preto de 50 estudantes e egresados e egresadas da Escola de Enxeñaría Industrial participaron na IV edición do Mei Day (Dia do Mestrado en Enxeñería Industrial), celebrado nas últimas horas no centro, e no que tamén tomou parte, por vez primeira, o alumnado do Máster de Enxeñaría Biomédica. A CEO e cofundadora de Merasys, compañía de desenvolvemento tecnolóxico, Lorena Rosende; o responsable de I+D+i de Corus Fegoba, onde actualmente se están a desenvolver liñas de investigación para novos procesos de fabricación e novos materiais para o sector da prótese dental, Óscar Barro Guizán; Mª Carmen López Pérez, responsable da oficina de I+D+i de Balidea, empresa galega referente en solucións de e-Health. e Hugo Belerdas Castro, responsable de proxectos de I+D+i de Marine Instruments foron os encargados nesta edición do Mei Day de trasladar, a través das súas experiencias profesionais, ás e aos asistentes, a importancia do papel da enxeñería industrial para facer fronte a importantes desafíos dentro do sector industrial e do campo da saúde. 

Os relatores e relatoras, egresados e egresadas da Escola, expuxeron nas súas intervencións proxectos pioneiros, tanto no campo industrial como no sanitario, que se están a desenvolver nas súas respectivas empresas, ao tempo que destacaron o gran potencial que teñen as firmas da contorna e tamén o enorme talento dos enxeñeiros e enxeñeiras que traballan nelas. En relación coa covid-19, Rosende, Barro, Pérez e Belerdas sinalaron que as empresas xa estaban a traballar en proxectos de alto perfil tecnolóxico e o que fixo a pandemia foi acelerar moito o avance dos mesmos, o que puxo de manifesto que o importante non está en si mesmo na tecnoloxía, senón na capacidade de aplicala de maneira eficiente para dar respostas aos problemas actuais da sociedade. 

As oportunidades nos ámbitos das enerxías renovables e da saúde, foron outras cuestións que abordaron as e os poñentes nas súas intervencións, nas que tamén incidiron na importancia das denominadas soft skills e en todas as cuestións relacionadas coa dixitalización dos procesos a todos os niveis, os industriais e tamén no campo da saúde.