Recolleron os diplomas do programa de competencias impulsado pola Fundación Mentor
Medio cento de estudantes e recén titulados de ADE-Dereito participan en Vigo no III Mentor’s Day
Compartiron ágape co reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da fundación, Andrés Fernández
Arredor de medio cento de estudantes e persoas recén tituladas do programa de simultaneidade ADE-Dereito participaron este venres no edificio Miralles no III Mentor’s Day. Son as alumnas e alumnos que lograron completar con éxito as tres últimas edicións do programa de habilidades e competencias impulsado pola Fundación Mentor e a Universidade de Vigo co obxectivo de axudar a crear canteira de profesionais de alto nivel.
Ademais de recoller os seus diplomas, os estudantes tiveron nesta xornada a oportunidade de compartir un pequeno ágape co reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da fundación, Andrés Fernández, así como cos diferentes representantes do sector empresarial que participaron na súa formación. O obxectivo: compartir ideas e experiencias nun ambiente informal.
Formación complementaria, voluntaria e de balde
Liderado, intelixencia emocional, xestión de proxectos, negociación e xestión de conflitos… foron algunhas das temáticas nas que se centrou un programa formativo dirixido ao desenvolvemento do talento e a capacidade de traballo do alumnado do ámbito xurídico empresarial. De carácter voluntario e totalmente de balde, as sesións deste curso acostuman concentrarse ao principio de cada cuadrimestre para que así non lles afecte negativamente aos seus resultados académicos. Trátase, tal e como destacaron desde a organización, de ofrecerlles unha formación que, de maneira conxunta coa recibida no grao, os dote de ferramentas, habilidades e coñecementos que os fagan máis valiosos, tanto para o seu propio desenvolvemento profesional como para o do propio tecido económico e social.
Entre os patróns da Fundación Mentor atópase unha vintena de organizacións do ámbito empresarial, destacando firmas tan recoñecidas como os bufetes Cuatrecasas, Deloitte Legal ou Baltar+ Abogados, a farmacéutica CZ Veterinaria, o estaleiro Cardama, o hospital Povisa, empresas líderes na distribución de peixes e produtos derivados do mar como Iberconsa, Pescapuerta ou o grupo Mascato, a fábrica de confección textil Partenón, a Fundación Serafín Ocaña ou o grupo DomusVi de residencias de anciáns.