DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista Continental Shelf Research dedica un monográfico a Galicia

Medio cento de investigadores presentan á comunidade internacional a costa galega

A través de 15 artigos analizan este territorio desde o punto de vista da física, a química, a biolo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/05/2011
Galicia é mar. Esta afirmación pode parecer un tópico despois de ser tan empregada pero non deixa de ser unha realidade. Con arredor de 1500 quilómetros de costa poboados de rías, en Galicia o espazo mariño xoga un papel fundamental. Para dar a coñecer a investigación que se realiza neste eido, a revista Continental Shelf Research, punteira a nivel mundial no ámbito mariño, vén de dedicar un monográfico especial á costa galega. Medio cento de investigadores galegos, coordinados desde a Universidade de Vigo, presentan nas súas páxinas á comunidade científica internacional unha visión actualizada e multidisciplinar deste territorio a través de 15 artigos. O seu obxectivo, contribuír a pór a investigación mariña que se fai en Galicia no mapa mundial.

O especial, que corresponde ao número de abril da revista, está editado polos profesores da Universidade de Vigo Moncho Gómez Gesteira, Ricardo Beiras, Pablo Presa e Federico Vilas e publícase baixo o título orixinal Coastal Processes in Northwestern Iberia, Spain. Segundo explica Gómez Gesteira, este monográfico consta de 15 artigos que tratan de cubrir o coñecemento que se ten actualmente da costa galega desde diferentes puntos de vista: físico, químico, biolóxico e xeolóxico. “Xa tiñamos publicado artigos individuais nesta revista pero conseguir que dediquen un especial á nosa costa supón un recoñecemento á investigación punteira que se está facendo en Galicia no ámbito mariño e unha satifacción para todos nós”, salienta.

Un a un os artigos afondan en fenómenos como o afloramento costeiro e o seu impacto na bioloxía; a polución costeira; a diversidade xenética de poboacións de mexillóns afectadas polos vertidos do Prestige; a proliferación de algas invasoras nas rías galegas ou as propiedades magnéticas do sedimento, entre outros temas. Unha ampla panorámica coa que os seus autores queren ofrecer á comunidade científica internacional unha ollada rigorosa e interdisciplinar da costa do noroeste de España. “Nesta monografía pretendemos dar una visión de conxunto da investigación mariña que se está realizando actualmente en Galicia”, destaca Gómez Gesteira.

Incremento dos artigos científicos

O especial de Continental Shelf Research xurde no marco de referencia das Agrupacións Estratéxicas subvencionadas pola Xunta de Galicia coa finalidade de crear sinerxías entre todos os grupos da Universidade de Vigo que traballan sobre o medio mariño. Ademais dunha forte participación de investigadores desta Universidade, no especial tamén participan investigadores doutras institucións coas que habitualmente a Universidade de Vigo traballa neste eido, como son o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade da Coruña, a Universidade de Utrecht e a Universidade de Souhampton.

Alén dos contidos tratados nas páxinas da revista e a súa repercusión, para os autores dos artigos este número tamén supón un recoñecemento ao despegue da investigación galega no ámbito mariño nos últimos anos. “Desde a década dos oitenta o número de artigos científicos relativos ás rías galegas tense quintuplicado, observándose una intensificación da investigación maior que a observada noutras zonas do mundo que tradicionalmente atraeron o interese dos investigadores”, explica Gómez Gesteira. Como exemplo, sinala, se historicamente o número de artigos dedicados ás rías foi o 20% dos dedicados aos fiordos, desde o ano 2000 esa taxa medrou ata o 50%, un incremento que na súa opinión ofrece unha idea clara dos avances en investigación mariña levados a cabo en Galicia.