DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébranse este venres na Facultade de Bioloxía 

Medio cento de participantes danse cita nas XVII Xornadas de investigadores novos en Neurociencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 22/07/2022

Logo do parón obrigado pola pandemia en 2020 e unha edición en 2021 na que unicamente se presentaron traballos fin de mestrado (TFM), as Xornadas de investigadores novos en Neurociencia recuperan este venres a normalidade, cunha sesión que comezou ás 9 da mañá e finalizará ás 20.30 horas. Durante todo o día na Facultade de Bioloxía estanse a suceder as presentacións orais dos TFM do alumnado do Mestrado interuniversitario en Neurociencia, ao tempo que estudantes do Programa de Doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica presentan os seus traballos en formato póster.

En total 50 persoas participan na 17ª edición das xornadas, que segundo explica o docente investigador do grupo Neurolam da UVigo Manuel Ángel Pombal, tamén permiten ás e aos participantes “familiarizarse coa estrutura dun congreso científico, ao tempo que coñecen os traballos que se están a desenvolver en Galicia noutros ámbitos da neurociencia. Ademais poden discutir os seus resultados entre eles e cos profesores asistentes, podendo incluso establecer algunha colaboración”.

As presentacións orais que se están a desenvolver durante esta xornada, divídense en cinco sesións, dúas de mañá: Neurofisioloxía e Neuroanatomía e tres de tarde: Psicobioloxía e  Psiquiatría, Fisioloxía e Neurobioloxía Médica e Neurociencia Computacional. Ademais, logo da inauguración das xornadas, na que participou a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, o contratado doutor Ramón y Cajal da UVigo, Juan Pérez Fernández, impartiu unha conferencia titulada Mecanismos neuronales subyacentes al control visuovestibular de la mirada.  

Case dúas décadas de xornadas

Transcorridas 17 edicións, Pombal destaca a boa acollida que por parte do estudantado ten esta iniciativa, “que tamén é moi ben valorada pola comisión que a avaliou”. Logo das restricións impostas pola pandemia, a organización trata agora de retomar o esquema inicial das xornadas, “contando para esta edición con 50 participantes, un número que agardamos se incremente para vindeiras edicións”, sinala Pombal.