DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación Graphis New York premia a Xosé Teiga, profesor no Máster en Dirección de Arte Publicita

O mellor do deseño gráfico dá clase no campus

Convértese no primeiro director creativo galego en recibir este recoñecemento internacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 27/02/2012

O Máster en Dirección de Arte Publicitaria da Universidade está de noraboa. Un dos seus docentes, Xosé Teiga, acaba de ser recoñecido con dous premios pola Graphis New York, unha institución de relevancia internacional no eido do deseño gráfico. Este organismo edita unha publicación que recolle os mellores traballos de comunicación, fotografía e publicidade de todo o mundo e premiou a Teiga con dous galardóns que o converten no primeiro deseñador gráfico galego en recibir este recoñecemento. “É un dos logros máis importantes da miña carreira, pero tamén unha gran responsabilidade como profesional porque esixe manterse”, explica o propio Xosé Teiga, que conta con máis de 90 galardóns no seu haber.

Para este director creativo, que compaxina o seu labor docente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co seu traballo na axencia de publicidade coruñesa Unlimited Creative Group, os dous premios Graphis axudan á promoción do talento galego fóra de España “xa que esta institución edita un libro recompilatorio que vende e distribúe por todo o mundo”, comenta o docente. Esta distinción sitúa a Teiga na primeira liña dos deseñadores gráficos nacionais, gañando ademais o respecto dos seus compañeiros de profesión. “Recibín felicitacións de deseñadores gráficos de Cataluña, Madrid, Estados Unidos... e decateime da importancia deste premio, pois non imaxinaba que tivese tanta repercusión”, apunta.

Teiga foi premiado pola identidade corporativa que deseñou para un estudo de fotografía con sede en Madrid e Galicia co eslogan The Black Shooter, “que se traduce como o tirador negro xa que todos os fotógrafos van vestidos de negro e disparan coa súa cámara”, explica o director creativo. Este deseño permitiulle gañar dous premios, un polo logotipo que se basea nun coello asustado que fuxe do fotógrafo, e outro pola elaboración dun catálogo no que se recolle un resumo do traballo feito pola empresa ao longo dos anos.

A súa visión como docente

Xosé Teiga imparte a materia de Medios non convencionais no Máster en Dirección de Arte Publicitaria, a súa primeira experiencia como docente universitario. “Dende a miña posición como docente e director creativo intento motivar ao alumnado enfocando a clase como unha experiencia real”, comenta, destacando ademais o espírito de entrega e de esforzo dos seus estudantes. “Creo que nesta Universidade hai talento creativo con posibilidades de incorporarse ao mercado laboral. Véxolles moito futuro” grazas, segundo a súa visión, a unha oferta formativa do posgrao que atrae alumnado de fóra de Galicia e de España “tanto polos seus contidos como polo profesorado contratado”.

Creatividade Galega loita polo recoñecemento do sector

Como apunta este deseñador gráfico con máis de 15 anos de experiencia, o sector publicitario en Galicia conta con excelentes profesionais e cun bo nivel creativo, pero inmersos nun mercado obsoleto con empresas e institucións receosas de cambios no proceso comunicativo. Por outra banda, tamén destaca unha falta de confianza dos anunciantes na valía dos creativos galegos “deixándose levar polo ideal de que o de fóra sempre é mellor”, acostumando a contratar os servizos de axencias de publicidade de outras zonas de España. “A Asociación Creatividade Galega loita para que se venzan eses prexuízos, pero aínda queda moito por facer”, sinala Teiga. A pesar da falta de recoñecemento dos profesionais autóctonos por parte das empresas e institucións, o docente quere lanzar unha mensaxe de optimismo para os que comezan a súa andaina no mercado publicitario “pois para medrar hai que pelexar e demostrar o talento cada día e, co tempo, chegarán os recoñecementos”, conclúe o deseñador.