DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joan Morera Arbones estudou na súa tese a transmisión xeracional de significados vinculados a un ter

A memoria fai da paisaxe unha construción social e colectiva

Para a súa tese de doutoramento en Belas Artes, entrevistou a descendentes de galegos na Arxentina

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 22/09/2016

As vivencias da súa avoa, marcadas pola Guerra Civil, o exilio e a emigración, e como estas quedaron reflectidas nos vellos álbums de fotos familiares, remataron converténdose, co paso do tempo, no núcleo do labor artístico e investigador de Joan Morera. Partindo dos vínculos que unían esas lembranzas a territorios, Morera Arbones analizou na súa tese de doutoramento como a memoria fai da paisaxe unha construción social e colectiva. “Quizais a conclusión máis bonita e importante da miña tese sexa que a paisaxe galega, dando por feito que exista, excede dos límites xeográficos, orográficos ou administrativos do que se entende por Galicia. A paisaxe chega aló onde nós vivamos”, sostén este artista e investigador, quen, tras analizar a transmisión de vínculos territoriais entre familiares dispersos, defende neste estudo a paisaxe “como un contedor de significados, onde se aglutinan e conflúen as nosas historias de vida”.

Dirixida polo profesor da Facultade de Belas Artes Javier Tudela, a tese Construcción simbólica del paisaje gallego parte da idea da paisaxe “non como mero obxecto de contemplación, que tamén, ou accidente xeográfico máis ou menos singular”, senón como unha “construción social e colectiva froito de habitar un lugar”, como explica Morera. Un proceso de “construción simbólica”, marcado por recordos e vivencias, no que o investigador afondou “desde unha perspectiva teórico-práctica vinculada cos procesos de creación artística”, nun estudo no que trata de abordar o territorio galego “desde a perspectiva subxectiva e xeracional”.

Deste xeito, a súa investigación abrangueu tanto a produción de obras como a análise de fontes documentais e de fotografías extraídas de álbums familiares. A estas sumou Morera a realización dunha serie de entrevistas, entre outros, a descendentes de emigrantes galegos en Bos Aires, cos que, no marco dunha estadía de investigación no Museo da Emigración Galega en Arxentina, puido constatar “a transmisión de significados relativos ás paisaxes entre diferentes xeracións”.

Patrimonio inmaterial

Probablemente, recoñece Morera, da súa xeración saían as primeiras investigacións “que estudan a paisaxe galega desde a práctica artística”, un elemento que ao seu xuízo cómpre “considerar como parte do noso patrimonio inmaterial, moi presente na cultura galega e, baixo o meu punto de vista, moi desprezado”. De aí que poña de relevo a importancia de que “en Galicia xurdan narrativas que, desde a nosa contemporaneidade, amplíen e revisen a nosa cultura paisaxística”.

A memoria do que permanece oculto

Nese propósito de afondar en como a memoria, aquilo "que nos serve para internarnos no que en principio non se ve ou se mantén oculto", constrúe paisaxe, o investigador pon de relevo o papel que xoga a dobre dimensión da fotografía como “material documental e medio de expresión artística”. Nunha investigación afrontada desde a óptica das Belas Artes, Morera Arbones defende este xénero como “un vehículo de transmisión de significados, historias e relatos”. De feito, ao igual que a súa tese, os seus proxectos expositivos “fundaméntanse en procesos e experiencias artísticas relacionadas coa miña traxectoria persoal”, nos que as vellas fotografías familiares serven moitas veces como punto de partida.

Do exilio ao reencontro en Iguazú

A memoria, o tempo, a paisaxe e a fotografía son tamén os eixos sobre os que o artista centrou a súa exposición [sic], que hai poucos meses estreaba na Zona C de Santiago de Compostela. Non en van, o seu punto de partida é o mesmo que o da súa tese ou o de proxectos expositivos como More(i)ras; o relato e os retratos da súa avoa Fefu. “A investigación xorde a partires das historias que ela me contaba nunha entrevista informal que lle fixen cando tiña doce anos”, explica da xénese dun traballo que, a través dese relato familiar, aborda “dous importantes acontecementos na nosa historia”, a emigración e a Guerra Civil.

A marcha da súa avoa de España tralo fusilamento de seu pai, as súas vivencias como refuxiada en Ghetary, no País Vasco francés, o seu posterior traslado a Arxentina, a súa vida como emigrante en Bos Aires ou o reencontro cos seus irmáns décadas despois nunha viaxe ás cataratas do Iguazú serven, xunto cos retratos que tomou no seu retorno á Galicia nos escenarios do seu pasado, como catalizadores dunha investigación que emprega como punto de partida esa “fotografía ocasional familiar”. A transmisión da paisaxe, explica Morera Arbones, “fundaméntase na miña propia experiencia como neto, ao recibir as historias da e visualizar estas en imaxes turísticas onde podo recoñecelas”. De feito, puido comprobar sobre o terreo en varios puntos da Arxentina, incluídas as cataratas do Iguazú, como ese relato previo determinaba o seu xeito de achegarse á paisaxe. “Entrevistando a descendentes de emigrantes galegos puiden constatar como os seus avós tamén lles relataran historias” unidas a determinados territorios e como estes “conservaban imaxes fotográficas relacionadas cos seus vínculos familiares e territoriais”, engade Morera, que tamén retrata na súa tese o percorrido inverso, o reflectido nas imaxes deses descendentes de emigrantes cando visitan Galicia e viaxan aos lugares onde os seus avós viviron.