DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Menú do día: tortilla

Supermercados Gadis repartiu preto de 500 en envases co lema ‘Don’t worry… que maloserá’

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 04/05/2011

As avoas do Supermercado Gadis botaron a casa pola ventá. Por terceiro ano consecutivo, catro actrices amateur metéronse nas batas e no papel de avoa ama de casa para regalar preto de 500 tortillas ao estudantado no campus da Universidade de Vigo. Tras unha breve entrevista coas señoras, todo o que se atrevera a pasar pola carpa instalada na Praza do Edificio Miralles levouse a casa de balde un envase cunha pequena tortilla de patacas dentro e o lema ‘Don’t worry… que maloserá’ escrito fóra.

Unha rechamante acción que nestes tres anos sempre acadou moito éxito e coa que se pretende recrear a campaña ‘Vivamos como galegos’ nos sete campus universitarios de Galicia. En total, repartiranse 2.700 tortillas que cumpren todas as normas de seguridade alimentaria, con produtos correctamente envasados e trasladados en vehículos cos sistemas de refrixeración axeitados.