DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras recibir o apoio unánime das e dos participantes na Xunta de Facultade

Mercedes Soto continuará tres anos máis á fronte de Fisioterapia

Coa creación dun doutoramento como obxectivo máis inmediato

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/11/2023

A profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Mercedes Soto continuará tres anos máis á fronte do Decanato de Fisioterapia, despois de que a súa candidatura recibise o apoio unánime das persoas participantes votación celebrada este luns en Xunta de Facultade. Soto González permanecía á fronte da facultade desde xuño de 2022, cando foi nomeada decana en funcións en substitución de Eva María Lantarón, quen asumía o cargo de vicerreitora do campus de Pontevedra. Profesora contratada doutora da Área de Fisioterapia e investigadora do grupo FS1, Soto encabezou a única candidatura presentada no proceso electoral aberto na facultade, que completaban as profesoras Iria Da Cuña e Rocío Abalo, actuais vicedecana e secretaria académica, cargos que manterán no novo mandato. Nunha votación á que estaban chamados as e os 16 representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado que integran a Xunta de Facultade, a candidatura de Soto González recibiu o voto favorable das 14 persoas participantes.

Docente da facultade desde o ano 2005, cando se incorporaba ao centro como profesora asociada de Ciencias da Saúde, Soto González amosaba a súa satisfacción pola “confianza recibida” nesta votación, incidindo na importancia de contar co “respaldo da Xunta de Facultade para poder realizar o proxecto que temos en mente”, dentro do que sinala como obxectivo “máis inmediato” tratar de impulsar un programa de doutoramento na facultade. 

Potenciar a investigación e a internacionalización

Na intervención previa ás votacións, Soto puña o foco na importancia que ten para o funcionamento do centro a implicación tanto do persoal docente e investigador, como de administración e servizos. “Pensamos que a facultade está nun bo momento e iso é froito da colaboración de todos”, salientou a decana, que lembrou que o centro logrou nos últimos meses superar a acreditación do Grao en Fisioterapia e acadou o certificado Fides-Audit á implantación do Sistema de Garantía de Calidade, o que lle valeu á súa vez que fose recoñecida pola Universidade de Vigo co selo Q, unha distinción propia da institución académica.

No referido ao persoal docente e investigador, Soto destacou que o equipo decanal continuará traballando “por novas contratacións e conseguir un equipo estable”, á vez que lembrou que a facultade conta actualmente “persoal novo, con gran capacidade de traballo e unha gran proxección”, que vai resultar clave, sinalou, nun ámbito no que “aínda nos queda por mellorar”, como é a potenciación da investigación. Neste eido, engadiu, resulta “imprescindible” o impulso dun “programa de doutoramento propio, no que xa estamos traballando”, posto que a UVigo non conta actualmente cun doutoramento en Ciencias da Saúde, ao que se suma o feito de que o alumnado que cursa o Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia e queira continuar a súa carreira investigadora non pode polo de agora "ter unha continuidade" no propio centro. 

Por outra banda, Soto destacou que "hai unha aposta da UVigo, que é a internacionalización", que considera tamén preciso potenciar, posto que "ábrenos portas á captar alumnado estranxeiro", pero tamén, lembrou, no ámbito da investigación. Por último, no referido ás instalacións, destacou que Fisioterapia conta con "bos equipamentos, pero quédansenos un pouco curtos". Por iso, aludiu á proposta de destinar a usos universitarios o Hospital Provincial e de que ese edificio puidese no futuro acoller a Fisioterapia. "Aínda está un pouco no aire, pero se iso se desenvolve, pensamos que pode ser unha opción interesante para que o noso desenvolvemento sexa moito maior", xa que permitiría, sinalou, "desenvolver cuestións que agora mesmo non podemos e proxectar as nosas titulacións”, valorou Soto.