DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actual decana en funcións opta a continuar tres anos máis á fronte da facultade

Mercedes Soto, única candidata ao Decanato de Fisioterapia 

A votación terá lugar o 6 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 26/10/2023

Decana en funcións da Facultade de Fisioterapia desde xuño de 2022, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Mercedes Soto encabeza a única candidatura presentada no procedemento electoral aberto neste centro do campus pontevedrés. Á fronte dun equipo que completan as actuais vicedecana, Iria Da Cuña, e secretaria académica, Rocío Abalo, Soto optará a continuar tres anos máis á fronte da facultade na votación que terá lugar o vindeiro luns 6 de novembro na Xunta de Facultade.

Profesora contratada doutora da Área de Fisioterapia e investigadora do grupo FS1, Soto fora vicedecana da facultade entre 2018 e 2022, momento no que se converteu en decana en funcións tras o nomeamento de Eva María Lantarón como vicerreitora do campus de Pontevedra. O pasado 3 de outubro, Fisioterapia abría un proceso electoral ao que só concorreu unha única candidatura, que foi proclamada de xeito definitivo este xoves 26, tras pecharse o período de reclamacións. 

Un doutoramento propio como obxectivo de futuro

“Preséntome porque quero seguir loitando porque a facultade acade todas as cousas que aínda nos quedan pendentes”, salienta Soto, que destaca que o “compromiso” co centro é “algo que sempre me inculcaron as persoas que estaban á fronte da facultade, desde que cheguei aquí como profesora asociada de Ciencias da Saúde”, no ano 2005. Entre eses obxectivos por cumprir, Soto González destaca en primeiro termo a creación dun “programa de doutoramento propio, que cremos que é indispensable”, posto que “neste momento non temos na Universidade de Vigo outra facultade do ámbito de Ciencias da Saúde e necesitámolo para desenvolver mellor a investigación”. Así mesmo, a candidata a decana incide tamén na necesidade de que a facultade poida “comezar a crecer” potenciando a súa internacionalización e actualmente traballan no impulso de iniciativas de colaboración con universidades portuguesas.

Mestrado, acreditación e sistema de garantía de calidade

Con respecto á súa etapa como decana en funcións, Soto recoñece que "foi un ano intenso", posto que, en primeiro termo, coincidiu coa posta en marcha do Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, “que está a ter unha moi boa aceptación” e que iniciaba recentemente o seu segundo curso, “no que cubríronse todas as prazas”. Neste período tamén se completou a acreditación do Grao en Fisioterapia e a facultade acadaba tamén o certificado Fides-Audit á implantación do seu Sistema de Garantía de Calidade, despois de someterse en 2022 á avaliación dunha comisión externa, nun proceso de carácter voluntario promovido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). A obtención deste certificado motivou á súa vez que fose recoñecida pola Universidade co selo Q, unha distinción propia da institución académica, a comezos deste ano.