DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrou unhas xornadas sobre as saídas laborais desta titulación

O mestrado de avogacía aparece xa no camiño dos estudantes de Dereito

Medio cento de estudantes puideron coñecer como lles afecta o troco na lei de acceso ao exercicio pr

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/04/2012

Ata este ano os titulados en Dereito podían exercer directamente a súa profesión unha vez rematados os seus estudos universitarios e colexiados. Sen embargo, a recente modificación da lei de acceso ás profesións de avogado e procurador introduciu unha modificación substancial que obriga aos novos graduados e a determinados licenciados a realizar uns cursos de formación e un exame para poder exercer a súa profesión. Un cambio decisivo e rodeado de moita polémica que foi un dos temas centrais dunhas xornadas sobre saídas profesionais que organizou este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense.

A Xornada informativa sobre as perspectivas laborais no eido xurídico foi inaugurada por Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Mónica Siota, vicedecana do centro e organizadora da iniciativa, e o primeiro dos relatores, Marcos Vázquez, director técnico da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados de Ourense. “Ao longo dos anos que estudedes neste centro darémosvos as ferramentas necesarias para o exercicio da vosa profesión pero sodes vós os que tedes que pensar que camiño dos posibles queredes escoller”, explicoulle o decano ao preto de medio cento de alumnos inscritos nesta xornada.

Ex alumnos e destacados profesionais

Miguel Ángel Michinel salientou que o programa da xornada estivo composto maioritariamente por ex alumnos do centro ourensán que hoxe ocupan destacados postos como avogados, procuradores, xuíces, inspectores ou funcionarios. “Isto deberíavos servir de estímulo porque ponvos de manifesto que podedes chegar a onde queirades, estades en igualdade de oportunidades que os titulados de calquera outro centro”, destacou.

Deste xeito o programa incluiu a presenza de, ademais de Marcos Vázquez, de José Arcos e Rubén Salgado, avogados do Colexio de Avogados de Ourense; Mónica Mourelo, procuradora do Colexio de Procuradores de Ourense; Antía García, funcionaria da Escala Superior de Inspectores de Facenda do Estado e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta; Ramón Martínez, inspector xefe do Corpo Nacional de Policía; David Llorente, funcionario do Corpo Técnico Superior de Tráfico e delegado provincial de Tráfico en Ourense; Jesús Marcial Méndez, funcionario da Administración Xeral, Subescala Técnica do Concello de Ourense; Manuel Marquina, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 2 do Carballiño, e Cristina Villar, secretaria do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 1 de Ourense.

Os escenarios posibles

Para comezar o programa Marcos Vázquez, que participa na elaboración do mestrado de avogacía que están deseñando a Universidade de Vigo e o Colexio de Avogados de Ourense, comezou explicando aos asistentes a nova normativa para o acceso á profesión. “Todos os estudantes de grao terán necesariamente que realizar un posgrao que os habilite para a realización dun exame nacional que se convocará unha vez ao ano”, explicou. Pola súa banda, salientou, os estudantes de licenciatura matriculados con anterioridade á aprobación da lei de acceso, o 31 de outubro de 2006, non se verán afectados por estas modificacións e os matriculados con posterioridade terán que facer a parte práctica do mestrado e a proba de acceso.

O avogado apuntou as dificultades que se atoparon no deseño do mestrado “pola falta dun desenvolvemento reglamentario axeitado que nos obrigou en moitos casos a ir improvisando para salvar as lagoas que a propia lei contén”. En todo caso, amosouse moi satisfeito polo traballo realizado entre o seu colexio profesional e a Universidade para a elaboración deste mestrado, que agardan esté funcionando o vindeiro curso académico.