DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado en Santiago con participación do conselleiro de Educación e os reitores

O Mestrado en Matemática Industrial, recoñecido como Máster Universitario Excelente da Xunta

A titulación recibiu a mención xunto aos mestrados en Computación e Produción Xornalística

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 10/04/2023

O Mestrado en Matemática Industrial, que imparten conxuntamente as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, recibiu este mediodía o recoñecemento de Máster de Excelencia da Xunta de Galicia, nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e no que participaron os reitores da tres universidades do SUG. Ademais do Mestrado en Matemática Industrial, este mediodía recibiron o selo que outorga a Xunta os másteres en Computación de Altas Prestacións (UDC e USC) e en Produción Xornalística e Audiovisual (UDC).

O conselleiro referiuse ao recoñecemento de Máster de Excelencia como unha das accións para “mellorar e avanzar cara un Sistema Universitario Galego máis competitivo e innovador e centrado na calidade”. No acto, celebrado na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, no que participaron os reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; de Santiago de Compostela, Antonio  López e da Universidade da Coruña, Julio Abalde, Román Rodríguez felicitou ás institucións académicas polas elevadas puntuacións que os másteres recoñecidos acadaron en todos os aspectos valorados, o que reflicte “o seu nivel de solvencia científica, técnica e formativa”.   

Nivel académico e solvencia científico-técnica

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento e supón unha garantía de futuro para o alumnado. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais. 

Outros aspectos valorados foron os resultados do máster (enquisas de satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral...), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.

Nove mencións de excelencia

Coa mención de excelencia a tres novos másteres universitarios concedidos hoxe, xa son nove as titulacións que acadan este selo de calidade este selo de calidade pioneiro, implantado hai tres anos, co obxectivo de fixar unha estratexia coordinada nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O ano pasado acadárona o Máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC), o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC) e o Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC). 

As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento, cunha vixencia de cinco cursos académicos e posibilidade de renovarse por períodos sucesivos de igual duración, foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo).