DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa campaña Hai algo en ti que podes compartir

A mestura de solidariedade e lectura consigue máis de 7300 euros para axudar a Haití

Dende a Biblioteca Universitaria explican que as expectativas foron superadas amplamente e falan de

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/03/2010

Solidariedade e lectura, ambas da man, foron quen de recadar, en pouco máis dunha semana, 7339,84 euros para axudar a Haití e fixérono grazas ao impulso, ao empeño e á dedicación do persoal da Biblioteca Universitaria. Baixo o lema Hai algo en ti que podes compartir, a campaña de Libros por Haití afanouse en recoller exemplares entre a comunidade universitaria para poder montar postos de venta, con todos libros a catro euros, na procura da solidariedade de todos para axudar a reconstruír Haití tralo terremoto de xaneiro.
Novelas, poesía, dicionarios, bet sellers e moita literatura infantil fixeron posible que, entre o día 10 de marzo e este martes redasen unha cifra “moito máis alta do que agardábamos inicialmente”, explica Paz de la Peña, do Servizo de Adquisicións da Biblioteca Universitaria e unha das impulsoras da campaña. En total, a recadación dos postos que se situaron no Centro Comercial, na Facultade de Filoloxía e Tradución, no edificio anexo de Torrecedeira, no Edificio de Ciencias e na propia Biblioteca Central, ascendeu a 7339,84 que xa foron ingresados na conta da Cruz Vermella para axudar a Haití. “Sabemos que serán moi ben empregados, en comida, en auga potable e en outras moitas accións que se están desenvolven alí”, explica Paz de la Peña.
Deste montante total, arredor de 800 euros foron doazóns desinteresadas nos petos que se instalaron nos postos para aqueles que non quixeran mercar libros e, o restante, grazas aos máis de 1600 libros vendidos.

Unha experiencia moi enriquecedora

Tanto se superaron as expectativas, que no derradeiro día de marcadillo, aos postos seguían chegando libros que eran mercados ao instante. “Cando vimos que na primeira xornada chegamos aos 1200 euros aumentaron as nosas metas, comezamos a pensar en poder chegar aos 4000 e logo aos 6000€, pero nunca pensamos en poder acadar tanto”. De la Peña reitera o agradecemento a toda a comunidade universitaria, que tamén é patente grazas a un cartel situado na fachada da biblioteca, “a xente respondeu moi ben tanto na doazón como na compra dos libros, a implicación foi total e moi equitativa”. De feito, a recadación foi moi similar en todos os postos, igual que o foi a participación de todos os colectivos, “xa sexan estudantes como PAS ou PDI”. O éxito da iniciativa requiriu incluso aumentar as datos do mercadillo e a organización decidiu abrir tres máis que non estaban previstos, algo para o que a presenza en redes sociais foi decisivo. “Moitos alumnos nos comentaron que souberon da campaña por Facebook ou Twitter, é innegable a súa potencialidade”, apunta.
Ademais, desta iniciativa solidaria destaca Paz de la Peña o enriquecemento tanto a nivel persoal como profesional. “Foi moi satisfactorio dende todos os puntos de vista e serviu para unir moito a todo o persoal da Biblioteca Universitaria, un exercicio de compañeirismo e de colaboración, todos puxemos o noso gran de area”, apunta. Paz de la Peña estende tamén o seu agradecemento a todos os colaboradores, como a Vicerreitoría de Relacións Institucionais ou a empresa que realizou desinteresadamente a cartelería da campaña, así como ao persoal dos centros, aos doadores e a todos os compradores.

Para pechar a campaña, máis solidariedade

Entre as ventas, Paz de la Peña destaca os libros infantís como os máis destacados, pero a sorpresa por parte de organización foi a calidade de algúns dos libros doados. “Nós solicitamos da xente libros que quixesen recomendar, unha lectura que quixesen compartir, incluso exemplares dos que lle custase desprenderse" e a resposta foi a mellor posible con libros novos, edicións de calidade, encadernacións en tapas duras, etc.
Con todo, quedaron algúns exemplares por vender para os que agora están buscando novo fogar. A literatura infantil enviarase á gardería da cárcere de Teixeiro e o resto repartirase entre a Fundación Arela, que traballa con nenos e mozos en risco de exclusión social, e a cárcere de A Lama.
Como valoración final, unha vez pechada a campaña, a organización incide en que, se se embarcan noutra iniciativa deste tipo, “sabemos que podemos contar coa xente por unha causa solidaria”.