DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada ao abeiro do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos

Microsoft amosará en Vigo o papel das TIC na xestión empresarial

Os poñentes presentarán o seu posicionamento de cara á mellora da produtividade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/03/2011

No proceso de mellora da produtividade das empresas, son moitas as voces que apostan polas novas tecnoloxías da información e comunicación para mellorar a capacidade competitiva. Dende o Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos tentan achegar as posibilidades que estes sistemas de información ofrecen ao tecido empresarial a través dunha xornada na que os encargados de presentar solucións serán os representantes de Microsoft. Xosé Henrique Vázquez, director do mestrado e coordinador do Foro de Innovación, no que colabora o Club Financiero de Vigo, explica que esta xornada está dirixida a profesionais con responsabilidade en sistemas de información e organización das operacións, calidade e produción coa vista posta en que coñezan “a visión que ten Microsoft sobre o que nos deparará o futuro á hora de buscar sinerxías entre a organización das operacións e os sistemas de información para incrementar a produtividade”.

Esta iniciativa desenvolverase este xoves a partir das 19.00 horas no salón de actos do Club Financiero de Vigo e contará tamén coa participación de outras dúas empresas relacionadas con este eido.

A proposta de Microsoft

Microsoft, como empresa proveedora tecnolóxica cunha visión propia sobre a evolución dos sistemas de información pode achegar ideas de interese para os empresarios e responsables sobre as vantaxes competitivas e as posibles eivas destes sistemas. O encargado da exposición será Luis Gutiérrez, director de Desenvolvemento de negocio de Microsoft Iberia, que explicará a visión desta empresa con respecto ao uso das TIC na xestión empresarial, presentando a proposta presente e futura de Microsoft para sacarlle o mellor partido ás súas solucións de negocio. As súa achegas son de especial interese tendo en conta que entidade que representa, máis aló da súa oferta tradicional de produtos, ten desenvolto unha serie de produtos concretos de grande éxito para mellorar a produtividade en distintos ámbitos.

Sobre as ferramentas TIC, os organizadores subliñan que se trata dun dos ámbitos de actuación priorizados polas empresas españolas, dende o soporte ás operación á conexión directa co cadro de mando integral do negocio a tempo real. Pero a pesar de poder converse nun eixo fundamental para a innovación, apuntan á necesidade de que sexan avaliados para comprobar que o seu uso sexa eficiente e non “nunha fonte inesgotable de custos e de datos que acaban ignorándose”.

Visións complementarias

Xunto ás achegas de Microsoft, a xornada contará con outros dous poñentes. Por unha banda, Cesáreo Barciela, director xeral de ASM Soft, explicará a aposta desta empresa viguesa con máis de 25 anos de experiencia en implementación de sistemas de información, para mellorar a produtividade en organizacións como Henkel, Danone ou Nestlé. Ademais Barciela presentará a súa propia percepción sobre como implementar con éxito as solucións de produtividade, en particular, a tecnoloxía de Microsoft.

Finalmente, presentarase un caso práctico, o de Gándara Censa, industria galega cunha gran proxección internacional que apostou por unha contorna de traballo integrada para dar soporte ás súas tarefas de planificación, xestión documental e execución de proxectos no marco dunha solución corporativa de xestión integral.
Para os interesados, a data límite de de inscrición é este mércores 2 de marzo.