DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese afonda no imaxinario social de menores en situación de abandono ou orfandade

A migración marroquí, vista desde os seus potenciais protagonistas

Javier Diz realizou o seu estudo nun centro de atención a este colectivo en Tetuán

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/06/2017

Durante 100 días o psicólogo Javier Diz investigou nun centro de atención a menores en situación de abandono ou orfandade de Tetuán, en Marrocos, como se constrúen nestes rapaces e rapazas os imaxinarios sociais da emigración e que implicacións ten sobre a súa acción potencial de emigrar a España e Europa coa idea de mellorar a súa vida ou o seu desenvolvemento persoal e social. Ao longo do estudo realizado, destaca o investigador ourensán, “puidemos observar como se desmontou esa idea estendida de nicho de migración no norte de Marrocos como único medio de consecución de calidade de vida por parte dunha comunidade de nenos, nenas e mozos tutelados”.

Na súa tese de doutoramento, titulada Imaxinarios sociais da emigración nunha comunidade tutelada de nenos, nenas e mozos tetuanís e dirixida pola antropóloga e profesora da Universidade de Vigo Fátima Braña, Javier Diz recolleu os resultados do estudo realizado. “Pareceunos que a forma máis interesante de achegármonos aos imaxinarios da emigración Marrocos-España era traballar cunha poboación excluída na que a priori, de acordo con diferentes discursos, poden estar as persoas con máis risco de emprender unha emigración de risco”. Froito da investigación, resume o psicólogo, “concluímos que, efectivamente, coñecendo o proceso de acción e enculturación de nenos e mozos en situación de orfandade e/ou abandono en localizacións xeográficas próximas á fronteira adquírense máis e mellores elementos para desmontar a idea de nicho de migración como idea de consecución de benestar, desenvolvemento e progreso”.

O investigador pon o aceno en como “esta investigación evidenciou o carácter dinámico dos imaxinarios sociais ao pór de manifesto a pugna entre imaxinarios establecidos e imaxinarios emerxentes”. Os imaxinarios sociais da emigración destes nenos e rapaces e as súas imaxes de Europa e España víronse, apunta, profundamente impactados polas relacións cos grupos que estiveron presentes case ao longo da súa vida. “No contexto no que investigamos podemos concluír que a cooperación internacional e o traballo asociacionista foráneo posúen unha forza nada baladí sobre a formación das ideas destes rapaces en relación á calidade de vida e á emigración”, recolle o investigador. Ademais, engade, “percibimos unha influencia enorme do sistema asociacionista marroquí sobre os esquemas socialmente construídos ao redor da emigración”.

Descartada a emigración irregular

“Cremos que a idea de emigración tanto irregular como regular xa non posúe a mesma intensidade na tendencia a pensar niso como única posibilidade de melloría vital”, sinala o investigador, desmontando a idea de migración como medio de mellora vital neste grupo de persoas e por extensión doutros nenos e mozos en situación de orfandade e/ou abandono en localizacións xeográficas próximas á fronteira Marrocos-España. Deste xeito, indica Diz, a emigración de risco está descartada pola gran maioría dos rapaces que participaron no estudo. O investigador relata como “unha emigración irregular instituída ao longo dos decenios anteriores como medio de consecución de benestar, desenvolvemento e progreso e que garda unha profunda relación co mar e a morte está a deixar de funxir como realidade por outra emigración segura e, nalgúns casos, por unha permanencia en Marrocos”.

En todo caso, lembra Javier Diz, “a emigración con papeis e con contrato de traballo segue sendo unha ideación moi asociada á consecución de benestar”. Isto, engade, relaciónase cunha percepción negativa do contexto no que viven as persoas que participaron na investigación, aludindo constantemente á falta de oportunidades en Marrocos, falta de futuro estable, de traballo, etc. “Os implicados neste estudo sosteñen, dunha maneira xeneralizada, uns imaxinarios sociais similares, desde os cales se orienta a súa percepción cara unha comprensión negativa de Marrocos e do seu contexto comunitario por oposición a persoas europeas, especialmente españolas que coñecen”, resume o investigador.

Alén desta evolución dos imaxinarios propios, o psicólogo ourensán tamén salienta como a idea estendida de nicho de migración no norte de Marrocos como único medio de consecución de calidade de vida por parte dunha comunidade de nenos, nenas e novas tutelados “entendemos que é unha idea creada de maneira heterónoma, no sentido de que a súa orixe é allea ao grupo que se refire, sería como a visión da inmigración desde o país de destino, unha visión plenamente parcial que elude, polo menos, a metade da realidade”.