DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero

Mil xeitos de berrar "basta!"

Paseos, música e imaxes para acabar cunha lacra social que afecta a todos os países do mundo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 25/11/2014
Máis de 700 mulleres asasinadas na última década polas súas parellas ou ex parellas en España, 140.000 denuncias ao ano por delitos ou faltas relacionadas coa violencia machista, 40 nenos e nenas orfos só en 2013... Cifras e estatísticas ante as que este martes 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a comunidade universitaria só quixo dicir unha cousa: basta xa. A Universidade de Vigo sumoue a esa reivindicación de igualdade coa organización por parte de distintos colectivos de paseos, bailes, exposicións e concursos fotográficos cos que pór enriba da mesa unha realidade ante a que toda a sociedade debe abrir os ollos. “Oxalá chegue un día no que non teñamos que reivindicar esta data porque todos sexamos iguais, independentemente do noso corpo, da nosa cor de pel ou da nosa relixión. Oxalá chegue un día no que non haxa nin un soa agresión máis contra as mulleres”, salientou María Lameiras, profesora de Ciencias da Educación.

Pasiño a pasiño polo Camiño da Igualdade

Preto dun cento de estudantes e docentes do campus de Ourense quixeron aproveitar esta data tan sinalada para facer unha inauguración simbólica do ‘Camiño da Igualdade’, unha senda que cruza parte do campus á beira do estanque e dos pavillóns docentes e na que están gravados os nomes de 15 pensadoras, escritoras, filósofas, activistas, economistas, artistas... que deixaron a súa pegada ao longo da historia pola súa loita polos dereitos da muller. “Hoxe vimos loitar contra a violencia sufrida polas mulleres ao longo da historia, non só física, senón tamén dunha violencia simbólica, sendo menosprezadas, esquecidas e desprezadas”, recordaron os alumnos e alumnas das materias de Xénero e educación social e de Sexualidade e saúde, organizadoras do acto como unha actividade de aula.

Como reivindicación do traballo feito por persoeiros como Clara Campoamor, Margaret Sange, Virginia Wolf ou Emmeline Pankurst, entre moitas outras, os participantes percorreron o ‘Camiño da Igualdade’ parándose en cada unha das placas conmemorativas e recordando todas as achegas feitas á sociedade. “Con este sendeiro quíxose facer un recoñecemento a algunhas das mulleres que loitaron por unha igualdade aínda sen cumprir. Hoxe continuamos o camiño facendo mención a estas mulleres e a todas aquelas que, aínda sen nome e apelidos, teñen loitado, loitan e loitarán para acadar algún día esa igualdade plena”, subliñaron. O acto rematou vestindo cun lazo violeta, símbolo deste día internacional, á escultura ‘Á muller anónima’ situada no campus.

Silencio... báilase

A violencia de xénero tamén se combateu con música nun dos lugares máis silenciosos do campus ourensán, a Biblioteca Rosalía de Castro. O colectivo Lésbicas Creando en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo conseguiu reunir a un importante número de bailarinas para sorprender ao alumnado que estaba estudando no centro cun flashmob contra a violencia de xénero. Unha acción “divertida, con forza, con música en directo e apta para mulleres de todas as idades” coa que reivindicar que “a violencia de xénero non é unha cuestión circunstancial, nin que se reduce a parellas ou mulleres determinadas, senón que é estrutural e pasa polos corpos e vidas de todas”.

Cinco minutos de música e baile nunha biblioteca ateigada de público co que reivindicar a sonoridade como “as alianzas entre nós que nos fan máis fortes; rachar co imaxinario de muller maltratada empregando fortalezas, medos, presenza, sabedorías... como motor e ser donas das nosas vidas para construílas felices”.

As noites só esconden medo

Todos os puntos de vista son bos para loitar ou denunciar a violencia de xénero, algo do que os Comités de Ourense quixeron sacar partido organizando un concurso de fotografía contra a violencia machista dirixido ao estudantado de todo o país para denunciar a situación de submisión e vulnerabilidade que están a vivir as mulleres na actualidade. ‘Para elas as noites pola rúa só esconden medo’, de Noemí Romero, estudante da Facultade de Historia co campus ourensán, foi a imaxe gañadora.

Tralas votacións por Facebook, un xurado conformado por Purificación Mayobre, Santiago Prado e María Elena de Jesús por parte do persoal docente da Universidade de Vigo implicado na igualdade de xénero e por Miguel Nieto por parte dos Comités escolleu por unanimidade a imaxe de Romero, que “ensina unha realidade das mulleres con moita profundidade, dun xeito orixinal e distinto”, como salienta Zaira Caamaño, responsable dos Comités de Ourense. Todas as fotografías participantes no certame recóllense agora nunha exposición que poderá verte ata o vindeiro 9 de decembro na Facultade de Ciencias da Educación.