DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Álvaro Gamundi e Mar López repiten como gañadores xunto a Xosé López Goldar na III Carreira Popular

En Minas acórdanse de Santa Bárbara aínda que non trone

Exposicións, conferencias e unha romaría amenizada con polbo e música para honrar á patroa da ETSE d

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 23/11/2012

Tamén o fan cando vai frío, moito frío. Como o que tiveron que sufrir os case 90 atletas inscritos na III Carreira Popular Santa Bárbara, un dos actos centrais cos que os estudantes da Escola de Enxeñaría de Minas queren honrar a súa patroa cunha semana de antelación para evitar que os exames apaguen o espírito festivo desta conmemoración. Un percorrido de 5 quilómetros nas pistas de atletismo do campus con rei e raíña indiscutibles: Álvaro Garamundi e Mar López, gañadores do ano pasado e que nesta edición foron líderes de dúas categorías distintas, a Absoluta e a de Minas. Na Absoluta masculina completaron o podio Jorge Morenza e Alejandro Hermelo, mentres que na feminina fixérono Verónica Salgueiriño e Ana Belén Davila. Pola súa banda, Guillermo Rial e Raúl Cabarcos quedaron segundo e terceiro na categoría de Minas masculina e Sara Martínez e Andrea Mariño na feminina. A nota curiosa púxoa o grupo dos PDI: no podio acompañando ao gañador, Xosé López Goldar, e ao segundo, Antonio Rodríguez, estaba Pedro Arias, director da ETSE de Minas.

Moito máis que deporte

Con ganas de innovar e ir perfeccionando ano a ano os festexos da súa patroa, a Delegación de Alumnos de Minas en colaboración coa Sociedade Mineralóxica Galega (SMG) e Cartel de Minas preparou unha ampla oferta cultural que leva en marcha dende o pasado mes de outubro e á que aínda lle quedan cartuchos que estourar. Ata o vindeiro 28 de novembro o alumnado poderá participar no I Foro Interactúa, un ciclo de conferencias que conta coa colaboración de empresas do sector e que ten por obxectivo achegar ao estudantado ao mundo laboral. Un día despois, o 29 de novembro, será o último día do Ciclo de Cine Mineiro, que remata a súa terceira edición cunha completa viaxe a través de distintos aspectos da minería.

A Sociedade Mineralóxica Galega tamén quixo facer coincidir a celebración de Santa Bárbara coa inauguración dunha colección de minerais propia que ven recompilando dende hai tempo a través de saídas de campo e doazóns e que seguirá crecendo nos vindeiros meses. E, como honra á patroa, quixeron recuperar as tradicións mineiras e as orixes da profesión cunha mostra sobre o traxe do enxeñeiro de minas, que co paso dos anos foi desaparecendo do panorama mineiro.

E despois do deporte, festa. Moita: petardos, polbeiro de O Carballiño e Dj nunha carpa de 400 metros cadrados no aparcadoiro de Fundición, fronte á ETSE de Minas. Centos de estudantes de todo o campus e outros membros da comunidade universitaria achegáronse ata as instalacións para gozar da comida, da música e, en xeral do bo ambiente e do compañeirismo reinante.