DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita á Universidade na que se reuniu cos promotores da iniciativa e co Equipo de Goberno

O ministro de Educación afirma que “Galicia será distinta despois do Campus do Mar”

Ángel Gabilondo destacou a paixón e ilusión coa que se está a traballar no proxecto

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/11/2010
A paixón e a ilusión coa que dende a Universidade de Vigo se está a traballar no Campus de Excelencia fixeron que o ministro de Educación non dubidade en afirmar que “Galicia será distinta despois deste Campus de Mar, porque a potencialización, o benestar investigador, a xeración de coñecemento e a súa transferencia van potenciar enormemente toda a Eurorrexión e todo o país”.

Así o asegurou tras reunirse co Equipo de Goberno primeiro, e logo cos promotores do campus, entre os que se atopaban responsables do IEO, CSIC e as universidades de A Coruña e Santiago xunto o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Ante os medios de comunicación e tras coñecer de primeira man o proxecto do Campus do Mar, o ministro expresou a súa “enorme satisfacción pola ilusión e a convicción coa que se comprometen os promotores a loitar, traballar e vincular ás universidades e institucións neste proxecto”.

Gabilondo amosouse sorprendido pola “moita paixón” coa que se traballa pero destacou que é momento de “ir austeramente tomando todas as decisións que temos que tomar” para sacar adiante o Campus de Excelencia e comprometeuse a axilizar todas as medidas relacionadas co Goberno portugués para que “ningún obstáculo administrativo nin burocrático impida o desenvolvemento deste proxecto”.

A potencialidade do transfronteirixo

Precisamente a capacidade de artellar alianzas entre ambos lados da fronteira foi unha das características do proxecto que quixeron poñer en valor tanto o ministro de Educación como reitor da Universidade, Salustiano Mato. Tal e como llo presentou o reitor, este é “un proxecto de Galicia e o norte de Portugal, de España e Portugal, para facer que no 2015 a iniciativa se sitúe como referencia en Europa e no mundo, queremos ser a Universidade do mar de Europa”.

Neste sentido, Gabilondo salientou a súa capacidade de agregación e destacou que con xuntanzas como esta constátase que o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España “miran xuntos na mesma dirección, a dirección dun proxecto que compartimos con todas as institucións” e que cualificou de “extraordinario e moi singular”. Esta visión transfronteiriza era unha das prioridades da convocatoria do Campus de Excelencia Internacional agora feita realidade no Campus do Mar. Salustiano Mato e Ángel Gabilondo coincidiron en remarcar que “aquí aparecen unidas as universidades e organismos portugueses e galegos”, cunha presenza e protagonismo enorme de ambas beiras do Miño e esta é “unha posibilidade de enorme referencia, un lectura a nivel europeo, non só fronteiriza e local”.

Con todo, o ministro explicou que estamos “no inicio dunha tarefa, un compromiso e responsabilidade pública” e remarcou que con este Campus do Mar a Universidade de Vigo preséntase publicamente para “liderar un proceso con todas estas institucións que dará como resultado un centro de excelencia internacional e de recoñecemento polas súas investigacións e o seu labor”.