DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Delegacións do alumnado promoveron unha concentración no campus con motivo da convocatoria de folga

Un minuto de silencio “pola morte dun sistema educativo digno”

Deron lectura a un manifesto no que reclaman máis medios económicos para o ensino

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 22/10/2014

“A educación non é un gasto é un investimento”. Deste xeito se pechaba o manifesto ao que deu lectura o estudante Javier Prieto na concentración que as delegacións do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación promoveron este mediodía ás portas da Escola da Enxeñaría Forestal. Coincidindo coa convocatoria de tres días de folga no ensino promovida polo Sindicato de Estudantes e ao non estar previsto que se desenvolvan manifestacións na cidade, estas dúas delegacións impulsaron un acto reivindicativo no campus, que se pechou cun minuto de silencio “pola morte dun sistema educativo público”.

Preto de 70 alumnos e alumnas acudiron a unha concentración convocada “por estudantes e para estudantes” e organizado “á marxe de partidos e sindicatos”, segundo precisou Prieto, delegado do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte. O obxectivo desta convocatoria non era outro que facer patente o “desacordo” do estudantado do campus coa situación na que se atopa actualmente o ensino, xa que “non se pode manter un sistema digno en ningún dos seus niveis con recortes continuados en bolsas e axudas e co aumento de matrículas e taxas”. Por iso, no manifesto ao que deron lectura nesta concentración púñase o acento en tres cuestións que consideran “imprescindibles”. Dotar ao sistema educativo público de maiores medios económicos, sen os que “nunca se porá poñer en marcha unha política educativa eficaz", e de maiores medios loxísticos, para que ese financiamento “chegue en tempo e forma a onde é necesario”, así como situar á fronte desta área a “bos xestores”, que permitan “alcanzar a eficiencia educativa”.

O ensino, “unha cuestión de estado”

No manifesto elaborado polas delegacións de estudantes faise énfase en que as problemáticas do ensino “van máis aló de calquera partido político, xa que a educación, pese a quen lle pese, é unha cuestión de estado e non un arma política”. De aí que cualificasen de “indignante” que se aprobasen sete leis educativas “en apenas 40 anos”, cuestión que atribúen ao feito de que os diferentes partidos non apostasen “polo raciocinio e o consenso que permita dar o tempo e a estabilidade suficiente para a correcta implantación” das normativas.

Así mesmo, neste texto tamén se criticaba que pola carteira de Educación pasaran ao longo dos anos “ministros e ministras que non estaban preparados para o cargo”. Sen poñer en dúbida “as amplas competencias nos seus respectivos campos” daquelas persoas que dirixiron o ministerio, as delegacións de alumnos e alumnas cualificaron como “inconcibible” que este departamento “nunca fora conducido por expertos en educación”, como poderían ser, ao seu xuízo, as persoas formadas nos ámbitos da pedagoxía ou a psicopedagoxía e o propio profesorado.

Recoñecemento para o profesorado

Outra das criticas efectuadas neste acto de protesta foi á “gran carencia de medios e o amplo abano de dificultades para realizar correctamente o seu traballo” que padece o profesorado, “sobre todo na educación obrigatoria e nas áreas que precisan dunha atención especial”, así como a “formación insuficiente que os mesmos profesores denuncian”. Neste texto, os representantes do alumnado criticaron o que consideran un feito “inconcibible, que os profesionais polos que van a pasar as futuras xeracións non teñan a consideración social, os medios e a formación necesaria para realizar o seu labor”, posto que “poucos traballos son tan importantes” como o de educador e educadora.