DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda expedición zarpa este domingo a bordo do Sarmiento de Gamboa

A Misión Galega do Gran Burato inicia os seus 1130 quilómetros de viaxe submariña

Tras atopar indicios de gas, agora ampliarán a superficie de estudo e incorporarán un robot á busca

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 12/08/2011

A súa aventura non a escribiu Julio Verne, pero pode ter a mesma relevancia, sobre todo para o futuro enerxético de Galicia. A Misión Galega do Gran Burato parte na madrugada do vindeiro domingo 14 a bordo do buque de investigación oceanográfica Sarmiento de Gamboa tras rematar os labores de embarque e posta a punto do equipamento que están a desenvolver xa no Muelle de Comercio do Porto de Vigo. Unha vez achados indicios da existencia de hidratos de gas na primeira campaña, agora o obxectivo principa é saber canto gas hai, a que profundidade e se ten a calidade suficiente para dar o paso cara o procesamento industrial.

Durante un mes, un grupo de 30 investigadores estudarán a uns 1700 metros de profundidade unha zona de 1130 metros cadrados, o equivalente á cuarta parte da superficie da provincia de Pontevedra. A expedición levarase a cabo en tres fases para unha mellor recollida de datos xeofísicos, de sedimentos e de mostras de fauna: tras nove días no mar, o 25 de agosto regresarán a porto para cambiar o equipamento científico e a unha parte dos investigadores que viaxan a bordo. Será nese momento cando suban un robot submarino non tripulado que empregarán para baixar a case 2000 metros de profundidade para rastrear a presenza de materiais asociados aos escapes de gas e recoller mostras. A partir do 13 de setembro o traballo continuará despois en terra firme coa análise e interpretación dos datos. As primeiras conclusións, para novembro.

Segunda parte

A expedición, liderada polo Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo, conta coa colaboración do CSIC e o financiamento da Xunta, que aportará 760.000 euros a través de fondos FEDER para esta segunda campaña. Unha aposta do Goberno galego pola investigación de recursos enerxéticos de futuro que gaña pulo tras os bos resultados acadados durante a primeira expedición.

Entre outubro e novembro de 2010 unha primeira partida da Misión Galega do Gran Burato para explorar unha zona situada a 220 quilómetros das costas de Vigo non só serviu para confirmar a presenza de combustible no maior volcán submarino do mundo producido por unha erupción de gas, senón que os investigadores atoparon outras dúas formacións similares pero anteriores no tempo, O Burato e A Orella.

A explotación custaría millóns de euros

En caso de que a investigación dera cun xacemento de gas, falar de prospección ou perforación xa serían palabras maiores. O custe oscilaría entre os 50 e os 100 millóns de euros, polo que habería que dar entrada a capital privado unha vez valorada a relación entre gasto e rendabilidade. Polo momento, xa houbo un interese modesto por parte dalgunhas empresas para involucrarse nun proxecto que precisaría unha infraestrutura similar á empregada polas petrolíferas no Golfo de México.