DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores e xoves o Obradoiro de Artes Escénicas e Acción Política

A Miteu apura os últimos días de representacións e formación

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense clausúrase o sábado coa obra da Aula Maric

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 26/04/2012
O sábado, día 28 de abril, a 17 Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, baixará o pano despois de quince día de representacións e moita actividade cultural. Mentres ese momento chega, os escenarios da cidade continúan sendo un fervedoiro teatral. O campus de Ourense acolleu estes xoves a última sesión do Obradoiro de Artes Escénicas e Acción Política e a súa Aula de Teatro Universitaria Maricastaña ultima a representación na clausura da peza Un novo mundo feliz, unha obra inspirada no libro de Aldous Huxley que porá fin á edición máis internacional da mostra.

O Obradoiro de Artes Escénicas e Acción Política, impartido polo artista iberoamericano Marco Canale, introduciu aos 15 participantes “na reflexión, creación e investigación que xorde no cruce entre a creación escénica e a acción política”, segundo salientou Fernando Dacosta, director da Miteu. O taller partiu da idea de que entre estes dous campos e dentro deles aniñan conflitos que propician formas de expresión, desencontro e reafirmación moi interesantes para traballar desde a perspectiva teatral e actoral. Deste xeito, o obradoiro afondou en dúas liñas de traballo: a creativa e a investigadora. A primeira delas permitiu aos inscritos artellar as súas propias linguaxes e contidos e a segunda achegounos a diferentes materiais escénicos útiles para levar a acción política á escena.

Programación de peche

Con esta sesión pecháronse os obradoiros formativos da Miteu pero as representacións teatrais continúan. O venres, a programación comezará cunha conversa no Teatro Principal do propio Marco Canale e César Meléndez sobre o teatro en Centroamérica. Seguiranlle ao longo do día dúas representacións. Os lusos Teatr`Ubi presentará o espectáculo Mata-dor e o Teatro la Polea, de Nicaragua e Costa Rica, representará El inmigrante-El Nica.

Xa o sábado chegará a hora de pechar a Miteu cun amplo programa de actividades. Ás 20.00 horas o Teatro Principal acollerá a entrega dos Premios do Xurado e do Espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e os Premios á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz. De seguido e no mesmo escenario, a Aula de Teatro Universitaria do Campus de Ourense Maricastaña representará o seu espectáculo Un novo mundo feliz, con dramaturxia de Fernando Dacosta a partir do libro Un mundo feliz de Aldous Huxley. Nela os actores porán en escena o traballo realizado ao longo do curso académico nos obradoiros de teatro que se imparten no campus de Ourense e no marco dos cales cada ano nace unha representación para a Miteu.

Para rematar a noite e a mostra, Marco Canale representará no Auditorio o seu espectáculo La puta y el gigante e o quinteto ourensán Bad Busted Cream ofrecerá un concerto gratuíto no Café Auriense, momento no que organizadores, actores e seguidores da Miteu se darán cita para despedir entre amigos esta 17 edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.